A Xunta censura que o Goberno non teña ningún plan para modernizar o tren a Ferrol

LA VOZ FERROL

FERROL CIDADE

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, reuniuse en Madrid co secretario de Estado de Transportes

05 oct 2023 . Actualizado ás 18:37 h.

A reunión mantida en Madrid entre a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, acompañada do director xeral de Mobilidade e o responsable da Axencia Galega de Infraestruturas, Ignacio Mestre e Francisco Menéndez, co secretario de Estado de Transportes, David Lucas, sáldase sen avances para os principais proxectos de transporte en Ferrol.

Vázquez expuxo a necesidade de non deixar no tinteiro o proxecto de conexión de Ferrol coa alta velocidade ferroviaria e a súa incorporación ao Corredor Atlántico. E durante a reunión reclamou ao Goberno que non deixe á urbe naval nin a Lugo descolgadas da rede de alta velocidade, denunciando que en Ferrol non hai avances. Subliña que hai unha actuación «imprescindible», o baipás de Betanzos , sen novidades desde os trámites ambientais do 2020.

A Xunta incide en que desde o Executivo se confirmou que actualmente non existe ningún plan para modernizar o ferrocarril da Coruña-Ferrol, «algo inconcibible». Polo que demanda a «inmediata» licitación do baipás e que se concrete unha planificación con melloras. Foi a principal demanda dunha reunión no que tamén se expuxeron outras reclamacións urxentes como a estación intermodal. Ademais, desde a Xunta reclamaron á administración estatal que incorpore ao Corredor Atlántico a liña entre A Coruña e Ferrol e ao porto.