0003_202308F18C2991
0003_202308F18C2991

Os orzamentos de Ferrol levarán a pleno a próxima semana entre as críticas da oposición

FERROL CIDADE

CESAR TOIMIL

A esquerda censura a falta de negociación das contas

18 ago 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Os orzamentos municipais do 2023 aprobaranse, previsiblemente, no pleno do próximo venres. O goberno local convocará para o día 25 unha sesión extraordinaria na que someterá a votación o proxecto de contas elaborado en 57 días. Fronte a el, terá as críticas da oposición, que os grupos de esquerda xa anticipan desde que se deu a coñecer o borrador, aínda que os seus doce votos non acadarán para evitar que saian adiante.

O xefe da oposición, o socialista Anxo Mato, considérao «un orzamento carente de ambición» que «trata de ser café para todas coa intención de cumprir os compromisos electorais que tiñan», pero que reflicte, sostén, que «non teñen un proxecto de cidade claro». Para o líder do PSOE, «neste pouco tempo, os orzamentos reflicten o que caracterizou ao goberno: dicir unha cousa un día e ao día seguinte, a contraria». O portavoz socialista apunta que o orzamento «contempla a maioría de cousas que había expostas», pero di botar en falta actuacións como a Praza de Galicia, a Praza Vella, a rúa Nova de Caranza e Manuel Belando ou fondos para a zona de Taxonera e o Cadro de Esteiro, fronte a investimentos «innecesarios» como a segunda praia de Caranza ou expor un novo museo en lugar de actuacións nos colectores culturais xa existentes.

«Maioría, non todo incluído»

Ademais, reprocha que non se contemplen fondos, máis aló do polígono de tiro de Catabois, para o desenvolvemento do convenio con Defensa. Así mesmo, demanda coñecer se se van aprobar as contas de Emafesa «despois de ter votado en contra sistematicamente os últimos oito anos». E censura que os orzamentos se presenten «sen ningunha marxe de negociación». «Rey Varela ten que darse conta de que ten unha maioría absoluta, non unha pulserita de todo incluído», advertiu.

O BNG criticou o «talante autoritario» e «actitude despótica» do executivo. O seu portavoz, Iván Rivas, sinala que o feito de que se queiran aprobar os orzamentos en quince días «evidencia que non ten ningún interese nas aportacións que poidamos facer o resto dos grupos». Incide en que están baseados nunha política «de austeridade económica» que ten o seu reflexo en que o capítulo de investimentos redúcese nun 55 % respecto ao 2021, cualificando de «ridícula» a partida de 50.000 euros para a rehabilitación da casa de Carvalho Calero. E censura que se manteña unha recadación prevista por multas de 2,2 millóns.

O portavoz de Ferrol en Común, Jorge Suárez, considera os orzamentos presentados polo PP como «un exercizo insuficiente para solventar os problemas que presenta a cidade», e no que «esquece partidas xa comprometidas como a praza de Rosalía ou a accesibilidade». E avanza que pedirá aclaracións porque hai partidas «abstractas» como o museo de Ferrol, o aparcadoiro da Graña ou abrir Ferrol ao mar. «Moito nos tememos que van ser uns orzamentos pantasma», declarou.

Ditaminado o novo regulamento que regula o debate plenario

Aínda que o goberno local non o confirmou aínda, o previsto é que o pleno extraordinario que trate os orzamentos aborde tamén o novo regulamento orgánico do Concello, que se ditaminou onte en comisión. Desde o equipo de goberno destacouse que facilitará unha administración «máis áxil e moderna» e permitirá crear unha comisión especial de suxestións e reclamacións para fomentar a participación cidadá. Ademais, defendeu a limitación de tempos no debate plenario, con cinco minutos por grupo na primeira rolda de intervención e dúas e medio na segunda.

Para o BNG este regulamento «busca crear unha administración paralela lonxe do control do resto de organizacións políticas [en alusión aos novos postos de dirección] e limitar o control e a participación», ao fixar dúas mocións como máximo por grupo e pleno. Ferrol en Común presentou unha batería de achegas, nas que reclama que se poida constituír grupo municipal cun só concelleiro e solicita que se elimine o límite de mocións, ademais de rexeitar os postos de nova creación e reclamar que, polo menos, non sexan de libre designación, senón con procesos de selección.