Ferrol tivo esta semana máis choivas que en todo decembro do 2018

FERROL CIDADE

Kiko Delgado

Só o mércores caeron na cidade máis de 40 litros por metro cadrado

22 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Ferrol despide hoxe ao que foi o outono máis húmido en décadas, e faino con cifras altísimas de precipitacións se se compara coas mesmas datas que o ano anterior. Só esta última semana a estación que Meteogalicia ten no CIS da Cabana acumulou 145,3 litros por metro cadrado, unha cifra que é superior a toda a choiva recollida durante o mes de decembro do 2018 -no que se contabilizaron 137,6 litros por metro cadrado-.

Salvo o martes pasado, día 17, no que o tren de borrascas deu un respiro, o resto dos días desde a pasada fin de semana caeron choivas cuantiosas. Aínda que, sin duda, os peores días foron o mércores e xoves, cando as baixas presións golpearon duramente a cidade.

Na primeira desas dúas xornadas chegaron a caer ata 43,8 litros por metro cadrado, o que provocou un regueiro de incidencias na zona, con desbordamentos en ríos e mesmo o corte da AP-9 á altura da saída de Fene pola formación dunha enorme bolsa de auga. Ao día seguinte, o xoves a choiva non cesou e a estación da Cabana marcou 27,3 litros por metro cadrado.

O decembro do 2018 foi meteorológicamente falando moi distinto ao actual. As altas presións dominaron no último mes do ano pasado, e durante 27 días apenas se superaron os 5 litros por metro cadrado. Todo o contrario ao decembro actual, aínda que parece que tras o paso der Fabien esta fin de semana, o anticiclón podería deixar que os ferroláns despedisen o ano con sol.