«Ao regresar, devolvemos o investido desde o sector público na túa educación»

Beatriz García Couce
Beatriz Couce FERROL

FERROL CIDADE

JOSÉ PARDO

Miguel Vidal acaba de pechar a súa etapa de investigador en Suíza para incorporarse á empresa ferrolá Ártabro Tech

29 novs 2018 . Actualizado ás 11:53 h.

A súa historia ben podería ser a de decenas de ferroláns da súa xeración que por distintas circunstancias se viron abocados a vivir a miles de quilómetros da cidade que os viu nacer. E en parte foi así, pero a do doutor en Física de partículas Miguel Vidal (Ferrol, 1978) acaba de dar un xiro que o trouxo de volta á súa terra, deixando atrás unha carreira como investigador en distintos países que lle levou mesmo a formar parte do grupo de traballo que descubriu o Bosón de Higgs no CERN (European Organization for Nuclear Research) de Suíza.

Aclara que, máis que abandonar a investigación, «é unha vocación e, máis que deixala, déixache ela a tí». Unha información que leu na web de La Voz de Galicia sobre a empresa Ártabro Tech serviu de catalizador para tomar, xunto á súa familia, a decisión do retorno. «Tes unha praza fixa pero hai que mirar cales son as condicións e en que país estás. A miña muller é francesa e teño dúas fillas pequenas. Decidimos que era un bo momento para cambiar de rumbo e que Ferrol era o lugar adecuado», explica, satisfeito. Un día despois de ler o artigo sobre Ártabro Tech, creada polo enxeñeiro Alejandro Casteleiro, púxose en contacto coa firma. «Interesábame moito, polo perfil tecnolóxico da empresa e porque estaban a empezar. Era unha das opcións que tiña para deixar a investigación e dedicarme á intelixencia artificial e ao maching learning», lembra. 

Expectativas

Desde principios de outubro está de volta na súa cidade natal e sostén que a experiencia está a cumprir todas as súas expectativas. «É moi importante volver para o retorno do coñecemento tamén, para traer o que che achegou o diñeiro público na túa educación, pero é verdade que hai que atopar un proxecto para iso e eu atopeino», aclara. Con Ártabro Tech, «ofrecemos aos clientes análises de datos, con intelixencia artificial e machine learning, o que pode traducirse en beneficios, tanto para mellorar os seus procesos como para obter fluxos de información» cos que tomar decisións, engade. Nestes momentos, a firma realiza traballos de predición do comportamento das materias primas no mercado internacional para unha multinacional, referente no seu sector e cunha empresa local na análise dos seus datos. Tamén foi invitada a participar nunha aceleradora de start-up de Renfe. Nese ámbito de traballo, Miguel Vidal considera que «Ferrol é un sitio tan válido como outro calquera. Neste tipo de negocios dá igual onde esteas, pódesche reunir con clientes por vídeo conferencia e o que achega Ferrol é que é cómoda e dáche calidade de vida, moito maior que unha gran cidade».