«Non é moi diferente o traballo que facía no CERN que o que teño aquí»

Beatriz García Couce
Beatriz Couce FERROL

FERROL CIDADE

En ambos os casos dedícase á análise dos datos

29 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A pesar de que poida parecer que o salto profesional que deu Miguel Vidal foi de xigante, el apela ao denominador común do traballo de análise dos datos, antes como investigador e agora na empresa ferrolá, de pouco máis dun ano de vida. No acelerador de colisións do CERN traballou no experimento denominado CMS, en física de Bosón de Higgs. «O que faciamos era analizar datos que viñan do acelerador co noso detector, que era como unha cámara de fotos pero do tamaño dun edificio, coa que obtiñamos unha cantidade inxente de datos que había que filtrar, entender e analizar. Se o que se producía nesas colisións era algo coñecido, había que medilo, como o caso do Bosón de Higgs, e se había algo descoñecido, iso implicaría que hai nova física e iso daríanos unha porta a un coñecemento novo, interrelacionado coa cosmología e con cuestións fundamentais da natureza», explica.

Entende, pois, que «non é moi diferente o traballo que tiña no CERN co que facemos aquí. Os datos non son os mesmos nin tampouco o fin, pero a análise, en certa forma, si». 

«Achegar un granito de area»

Agora, con todo o coñecemento adquirido, está disposto a achegar «o seu granito de area» para desenvolver desde Ferrol e xunto a Ártabro Tech as actividades vinculadas á intelixencia artificial, sobre a que considera que existe aínda bastante descoñecemento entre os empresarios.