Sociedade de amigos do País de Ferrol

José Picado DE GUARISNAIS

FERROL CIDADE

17 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Este mes de xuño reuníronse en Xaén representantes das máis de cincuenta Sociedades Económicas de Amigos do País activas en España. En Galicia contamos, desde 1784, coa Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago, institución sobre a que xa falamos nestas páxinas. As Sociedades Económicas forman parte do legado da Ilustración. Naceron amparadas polo rei Carlos III e impulsadas por Campomanes, creador do chamado Manifesto de Campomanes no que se expresa «o desexo de que se establezan estas sociedades por España e América para conseguir a pública felicidade da nación». Nelas involucráronse moitos dos homes máis cultos do país: militares, clérigos, comerciantes, filósofos, pensadores e homes de ciencia, co nobre propósito de desterrar a desigualdade, o analfabetismo e o atraso secular herdados do Antigo Réxime. Figuras como Jovellanos e Olavide tiveron a valentía de enfrontarse aos preceptos da Inquisición -do rezo, silencio e orde debida- para estimular a creación de faladoiros, lecturas de xornais e fomentar a educación. Fíxose popular o lema Socorrer Ensinando, explicativo do empeño en crear escolas de Primeiras Letras, de Artes e Oficios, de Agricultura, escolas de Hilazas e Mantelerías, estudos sobre a pesca, ademais de escolas de debuxo, música e outras artes. 

En Galicia, ademais da de Santiago creouse unha Sociedade Económica en Lugo (mantívose activa poucos anos) e o Real Consulado na Coruña, entidade que desempeñou funcións similares en materia educativa ademais das propias do comercio marítimo. Ambas xa desaparecidas, aínda que do Consulado coruñés segue funcionando a súa Biblioteca. Pero tamén se rexistrou, nun intento frustrado, a Sociedade de Amigos do País e Escolas Prácticas de Agricultura de Ferrol. Consta no arquivo municipal a acta asinada un 17 de xuño de 1813 por trinta e tres personalidades desta cidade, entre os que recoñeceremos os nomes do marqués de San Saturnino, o intendente Francisco Roldán, o capitán de navío Manuel Herrera, o avogado Ventura Taxonera, Andrés Antelo como director da Fábrica de Moeda de Jubia e o deputado nas Cortes de Cádiz José Alonso López Nobal. Fixéronse os trámites para a súa posta en marcha nun triste e desgraciado momento. Fernando VII acadara o trono e un infausto 4 de maio de 1814 asinou o Decreto de Valencia polo que se derrogaba o réxime constitucional de 1812 e a práctica totalidade do reformismo ilustrado. A Sociedade de Amigos do País de Ferrol non puido desenvolverse. Nacía outro período escuro da nosa historia.