Guadi Galego publica o seu disco máis persoal: «Son unha aventureira, quero seguir bailando a vida por onde me leve»
CEDEIRA

A artista de Cedeira vén de publicar o disco máis persoal e íntimo da súa carreira. «Pélago. Contos oníricos», nove cancións de abraiante emoción que non ten intención de levar ao directo
13 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Nunca foi Guadi Galego das de ficar compracentes, por moi quentiño que se estivera. Confésase aventureira. E na aventura conviven a audacia e o risco. O pracer e o medo. As ilusións e os pesadelos. O feito e o por facer. E entre o que lle quedaba pendente estaba este disco. Íntimo, profundo, sereno, enleado en soños. Un disco a contracorrente, dos que precisan unha escoita sosegada e activa. Un disco orgánico (piano e voz) e ao mesmo tempo cheo de atmosferas evocadoras e de suxestivas texturas. Nove cancións sen retrousos que dan moito máis do que piden. Que te acariñan e te levan da man a lugares segredos, moi preto do mar, que so habitan no soños das valentes.
—Por que dis que este disco é a túa banda sonora vital?
—Sempre temos a necesidade de adxectivar todo e este disco está fóra de calquera tipo de xénero. Non é un disco pop como era Costuras, nin máis electrónico como foi Roibén. Eu creo que é un disco de autora contemporánea. E si, polo ambiente é moi como de banda sonora emocional.
—«Mar» é a palabra que máis se repite nas nove cancións que o compoñen.
—Si, ese era o obxectivo. Que o mar fose o elemento que o cohesionase todo. O mar, dende diferentes perspectivas. Como representación dun lugar concreto e, por outro lado, moi aberto. O mar de cada un.
—Por que dis que é o disco que mellor te representa?
—Porque é o último (ri). Máis que o disco que mellor me representa, que tamén, creo que é un disco que me debía. Aínda que se me dis se agora volvería a facer un disco igual que este, diríache que non.
—É o disco que máis che custou facer?
—Foi difícil, si. Tivo un traballo previo moi potente. Tanto no desenvolvemento do concepto como na elección da paleta de sons que iamos utilizar. Eu quería un disco moi profundo, coa voz moi presente e co piano como elemento condutor de todo. Pero a medida que o fun construíndo, foi mudando un pouco.
—«Negarse a unha mesma é máis fácil que aceptarse», dis.
—Desde logo. É que aceptarse é moi difícil. Aceptar as túas limitacións, os teus compromisos e a túa verdade non é doado. É moito máis fácil negarse e dicir: «Vale, pois por aí non vou». Por iso fixen Pélago. Para aceptarme e botarme para adiante a facer un disco que ninguén espera.
—E fixéchelo dende a perspectiva da reivindicación do formato físico.
—Si, da reivindicación da obra. De aí o marabilloso traballo de ilustración de María Maquieira.
—De feito, aínda que sexa un cedé, divides o disco en cara A e cara B.
—Si, como antes. En realidade, os cinco primeiros temas da cara A son unha suite, un gran soño. E os catro da cara B son soños soltos, son máis como contos infantís.
—Tamén reivindicas o sosego na escoita.
—Si, iso que hoxe nos custa tanto. Eu entendo que iso de escoitar o disco enteiro é superviejuno, pero é o que hai. É algo así como intentar saltarse o algoritmo.
—Trátate ben o algoritmo?
—Non, que va. Aos artistas pequenos non nos trata ben. Ten en conta que o algoritmo é unha escoita ocasional, non é consciente. Pero total, para un 0,0001 que se cobra por escoita, que máis da?
—Explícame iso de que «Pélago» está trazado dende a «perspectiva íntima e colectiva».
—Pois mira, eu teño clarísimo que este disco é íntimo no concepto, pero ao tempo é supercolectivo. Nin sequera son eu a que está de protagonista en todas as cancións. E eses soños ou ese mundo que narro dende esa colectividade é moitísimo máis amable no disco do que foi no cotián. Cando soñamos despertos sempre soñamos con algo que nos faga máis felices. Pero é que se non soñásemos, que sería de nós? Precisamos seguir soñando e construír utopías para poder seguir camiñando.
—Dis que neste disco quixeches ollar «con memoria pero sen nostalxia».
—Hai unha canción de La M.O.D.A. que di «la nostalgia es cara por aquí». Pois iso mesmo. A ver, as doses de nostalxia hai que controlalas, se non non te deixan avanzar. E a memoria hai que tela presente, pero sempre intentando rescatar o mellor dela.
—En «Se me axudas» dis que te aferras moito ao que pertences. A que pertences?
—Á miña xente, á miña comunidade emocional, que é a que me sostén.
—No disco fálase moito de gozar, con que goza Guadi Galego?
—Eu, con case todo. Eu son unha desfrutona que flipas. Desfruto moito das cousas pequenas, do día a día coa miña xente, de tomar unha caña, dar un paseo... E desfruto coa calma. Igual que podo estar aí dándoo todo, despois necesito moitos momentos para min.
—Agora incluso desfrutas bailando.
—Si, si, bailo bastante ultimamente. A raíz de Síntese horizonte quiteime esa idea de que como non bailas ben, non podes bailar. Como que non? Despois dinme conta de que tampouco bailaba tan mal, o que pasa é que non me deixaba ir. Hai unha frase no disco que di: «Aínda que non poidas andar, podes bailar». E é que aínda que fisicamente os teus pés non se podan mover, a túa cabeza vai querer seguir bailando a vida.
—Ti estás disposta a bailarlle á vida.
—Si, ho! Eu son supervitalista e bastante aventureira. Quero seguir bailando a vida por onde me leve. Iso téñoo clarísimo.
—Eras consciente en todo momento de que este disco non ía ser comercial?
—Si, tíñao clarísimo. Pero creo que ningún dos meus discos o é.
—Vas tocar «Pélago» en directo?
—De momento, non. Non o visualizo nun directo. Non sei se algo vai cambiar na miña vida dentro de dous anos pero agora non teño forzas para levalo ao directo.
—Dentro de dous anos xa terás outro disco.
—Non. Poderei ter, seguro, 15 cancións máis, pero non un disco. Facer discos é cada vez máis complicado. Primeiro, xa é unha declaración de intencións e, despois, é que é moi caro.
—Aínda vai rematar en outubro, pero que valoración fas da xira «Síntese horizonte»?
—Síntese foi o meu espectáculo máis ambicioso, o máis grande que fixen nunca como artista, e sacou moitas cousas marabillosas de min. Hai un traballo escénico moi potente e conlevou un exercicio de amor moi forte polo meu equipo. Din moito e recibín máis. Do equipo e do público. Foi unha aposta moi potente pero saíu ben.
—Chegar a facer «Síntese horizonte» é o soño que tiñas cando saíches do folk?
—Non. Cando rematei Costuras eu xa quería facer algo moito máis pequeno, pero antes diso sentín que tiña unha materia pendente e fixen Síntese horizonte. E xa está feito. E foi marabilloso.
—Quédanche máis materias pendentes?
—Si, algunhas. Pero non chas vou contar (ri).
—Ademais das colaboracións que inclúes en «Pélago», veñes de asinar tamén outras con outros artistas, en principio alonxados de ti en canto estilos, como poden ser Hugo Guezeta ou Los Eternos.
—Os featurings, é o mellor que lle pasou á música. Compartir como algo natural. Crear xuntos. Pásalo moi ben e aprendes moito. Eu creo que era algo que nos faltaba, ese rollo de que non esteamos departamentados por estilos, por orixes, polo que sexa.... E penso que é unha moda que ven para quedar.
—Por certo, moitos dos artistas novos agradecen moito que esteas tan atenta ao que están a facer.
—Estou atenta porque son curiosa e porque estou marabillada. Eu non pensei vivir este momento. Gustaríame que non fose algo efémero, que non se esvaecese. E tamén me gustaría que fose algo máis diverso para que tiveran cabida os proxectos máis pequenos. Pero para iso hai que crear espazos nos que a clase media da escena musical galega se poida desenvolver. Iso aínda falta.
—En «Despedida» dis: «Todo me fixo medrar».
—Todo. O bo e o malo. A ver, eu son unha supervivente. E aí sigo... Pero é que facer cancións é parte da miña identidade. Teño tantos amigos e amigas que teñen grandes cancións nas gabetas na súa casa... Eu son das que me lancei para adiante e boteinas fóra. Pero canta xente haberá que fixo grandes cousas que ninguén vai escoitar!
—A túa intención agora é camiñar «pola beira da canción»?
—Vou rematar a xira de Síntese horizonte, vou descansar unha tempada, facer un reset e, despois, a ver onde a vida me leva.