
A embarcación, de cinco metros de eslora, pertence a un percebeiro local
30 abr 2025 . Actualizado á 10:31 h.O primeiro aviso chegou ás 5.30 horas da madrugada de hoxe mércores. Alguén chamou ao Centro de Emerxencias 112 para alertar dun incendio no dique seco do peirao de Cedeira. O informante indicou que estaba a arder unha planadora e que non había persoas afectadas.
Ao recibir a alerta do 112, a agrupación de Protección Civil mobiliza a tres dos seus voluntarios, que se desprazan de inmediato ata o porto coa motobomba e apenas tardan en sufocar o incendio. Aínda así, a lancha, de fibra e de cinco metros de eslora, arde case por completo e queda inservible, sen que se produza ningún tipo de vertedura.

O Centro de Emerxencias, que recibiu varias chamadas máis de particulares, tamén activou ao Grupo Supramunicipal de Emerxencias (GES) de Ortigueira, que chegou ao lugar pouco despois de que xa estivese extinguido o incendio, á Garda Civil, aos Bombeiros do Eume, que non tiveron que intervir, a Salvamento Marítimo e ao servizo de Gardacostas de Galicia. As causas do incendio descoñécense.