As Pontes rende culto aos cogomelos co outono máis micolóxico

A. C. AS PONTES / LA VOZ

AS PONTES

JOSE PARDO

Talleres, charlas, paseos guiados e concursos enchen a axenda

23 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

As Pontes, Terra de Cogomelos regresa este outono. É a quinta edición das xornadas que organiza o Concello dAs Pontes co propósito de «potenciar a actividade micolóxica e micofílica en Galicia», a través de actividades que divulguen «os aproveitamentos medioambientais, culturais, gastronómicos e económicos deste recurso natural presente en todos os hábitats galegos». A primeira actividade programada será unha charla e un taller de fotografía micolóxica, a cargo de Daniel Puente, fotógrafo profesional, o 3 de outubro (18.30 horas, Casa Dopeso), cun paseo micolóxico e fotográfico complementario o día 4.

Esta saída partirá ás 9.00 do coto micolóxico do monte Ou Forgoselo, guiada por Luis Cuba, divulgador que triunfa cos seus vídeos en Youtube, e Daniel Puente. A seguinte cita será o 10 de outubro (18.30, local veciñal A Choupana), con Antonio Díaz, cociñeiro especialista en cogomelos, que falará de técnicas de conservación destes produtos, cun taller práctico. O 12 haberá un paseo micolóxico pensado para familias, polo monte Ou Forgoselo, guiada por Rubén Vilasenín e Miriam Miramontes, do colectivo Amabul. O 24, Rafael Corral, cultivador en ecolóxico (marca SetaBella) disertará sobre o cultivo de shiitake en Galicia (Casa Dopeso).

As xornadas inclúen unha exposición fotográfica durante a Feira de Fungos e Cogomelos, os días 1 e 2 de novembro; un paseo micolóxico para adultos o 1 por Ou Forgoselo con Raquel Poncini e Pablo Cuadrado, da Asociación Micolóxica Coruñesa; un taller de cociña para público infantil o 1, con Antony Coari, gañador do primeiro premio do certame Mellor cociñeiro de cogomelos de Galicia 2024, na categoría de doces; e un taller de cociña para adultos, tamén o 1, con María García, que venceu no mesmo concurso en salgados.

O 7 de novembro, María Cabaleiro e Hugo Fernández, de MycoGalicia Plantae, da Universidade de Vigo, impartirán un taller olfativo e sensorial sobre cogomelos; e o 15 haberá unha ruta naturalista polas fragas dos cogomelos, guiada por Cosme Damián Romay, do grupo naturalista Hábitat. Tamén hai previstas varias saídas de identificación, coa asociación Poupariña, con todos os centros educativos de Primaria e Secundaria dAs Pontes; unhas sesións formativas para profesionais da hostalería local e as segundas xornadas micogastronómicas en colaboración cos hostaleiros ponteses.

Ademais dun concurso de fotografía micolóxica e outro de receitas con cogomelos para hostaleiros de Galicia e cociñeiros profesionais. Na web do Concello dAs Pontes está o formulario para inscribirse nas actividades.