Ritmo e paixón: así vive a comarca o Día da Danza

FERROL

I. VALERIO

En Narón, a celebración tivo un marcado carácter deportivo

29 abr 2026 . Actualizado á 05:00 h.

Ao redor deste 29 de abril, Día Internacional da Danza, a cidade e a súa comarca convertéronse nun auténtico escenario vivo nos últimos días. Pavillóns, parques e teatros enchéronse de música e movemento, mostrando que a danza non entende de límites. Estas son tres historias que retratan como se viviu esta celebración desde distintos recunchos e sensibilidades.

 A celebración tivo un marcado carácter deportivo en Narón, onde o domingo máis de 400 deportistas déronse cita no Pavillón Polideportivo da Gándara. Alí celebrouse o Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón e o Campionato Galego de Latinos, nunha intensa xornada que reuniu a bailaríns, bailarinas e parellas procedentes de toda Galicia. A competición incluíu modalidades como caribeños, só, danza coreográfica e standard latino, ofrecendo un espectáculo dinámico e cheo de enerxía. Destacou especialmente a participación das escolas locais, cunha forte presenza naronesa que logrou subir ao podio en varias ocasións, demostrando o alto nivel e a consolidación da danza deportiva na comarca.