O estaleiro de Ferrol prevé repartir 6.500 bonos e o de Fene, 3.500 cestas
25 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.Navantia xa puxo en marcha a conta atrás para unha das tradicións máis agardadas por estas datas, o obsequio de Nadal. A empresa pública destinará este ano preto de medio millón de euros á repartición de vales-regalo no estaleiro de Ferrol, mentres que en Fene continúa mantendo a tradicional entrega das clásicas cestas con produtos típicos das festas que están por chegar.
Con esta iniciativa, a compaña conserva un costume que se remonta a varias décadas atrás, cando os empregados recibían o popular cartucho de Nadal como parte da súa retribución anual. Co paso do tempo, Navantia foi modernizando o formato, substituíndo os lotes físicos por vales electrónicos que poden trocarse en establecementos locais da empresa adxudicataria.
No caso do estaleiro de Ferrol, a licitación, valorada en 485.088,18 euros, prevé a distribución duns 6.500 vales, cada un cunha dotación económica de 93,29 euros. É dicir, increméntase un euro con respecto ao 2024. O contrato executarase entre o 13 de novembro e o 30 de decembro, co obxectivo de garantir que todos os beneficiarios reciban o seu bono por correo postal antes das festas.
A repartición non se limita ao persoal en activo, tamén acada a xubilados, prexubilados, viúvos e orfos con dereito recoñecido, xa que o obsequio se considera parte da masa salarial e non un simple agasallo de empresa.
Para poder optar ao contrato, as empresas interesadas deberán contar con polo menos un punto de venda a menos de oito quilómetros do centro de traballo de Navantia Ferrol, onde os beneficiarios poidan trocar os seus vales. Neses establecementos poderán adquirirse produtos de alimentación ou outros artigos, sempre respectando o valor económico asignado a cada bono.
Fene mantén as súas cestas
Mentres tanto, no estaleiro de Fene tamén se mantén o costume do Nadal, aínda que neste caso o formato segue sendo a tradicional cesta física. Navantia publicou o pasado 20 de outubro o expediente Paquetes Nadal 2025 Navantia Fene na Plataforma de Contratación do Sector Público, abrindo o proceso de adxudicación para as empresas interesadas na subministración e repartición.
Estas compañas dispoñen ata o 30 de outubro para presentar as súas ofertas a través da plataforma Ariba. A previsión é distribuír unhas 3.500 cestas entre os beneficiarios, que recibirán nos seus domicilios información detallada sobre as datas e o lugar de recollida.