
O Goberno autonómico anuncia que afectaron ao longo deste verán á cartelería do espazo protexido
30 sep 2025 . Actualizado á 12:54 h.A Xunta de Galicia denunciou os «actos vandálicos reiterados» que, segundo o Goberno autonómico, afectaron ao longo deste verán á cartelería do Parque Natural Fragas do Eume. O Executivo galego criticou os danos contra estes elementos informativos e divulgativos, instalados tanto dentro do espazo protexido como nas súas estradas e puntos de acceso.
Respecto diso, destacou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático «renovou parte dos carteis deste espazo natural en novembro do ano pasado, unha actuación enmarcada nun contrato para renovar a sinalización de varios parques e que no caso concreto das Fragas do Eume tivo un custo de máis de 40.000 euros».
Ademais, a Xunta de Galicia indicou que a este investimento «é necesario sumar o importe dos traballos de limpeza acometidos nos últimos meses para eliminar as pintadas e recuperar a imaxe orixinal dos sinais e carteis que sufriron estes ataques».
Por iso, fixo un «chamamento ao civismo e ao respecto a estes elementos que forman parte do patrimonio público do parque natural», que se estende polos municipios coruñeses de Pontedeume, Cabanas, A Capela, Monfero e As Pontes