Os pais dunha nena de tres anos de Fene: «O seu transporte escolar é un taxi sen cadeira infantil, o cinto tápalle a cara»

FERROL

A Xunta estudará este caso para vixiar que se cumpran as medidas de seguridade
16 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Pode ir unha nena de tres anos nun taxi como transporte escolar sen cadeira infantil nin alzador, nun concello do rural? Os proxenitores queren que vaia con esas medidas de seguridade. E de momento, a Xunta de Galicia estudará o caso dunha alumna do colexio Vos Casais de Fene e pedirá información á concesionaria do transporte. Segundo a nai da nena, Silvia Novo, «eu pedín o transporte escolar para este curso e o primeiro día non me chegou o bus senón un taxi sen o sistema de suxeición infantil, nin sillita nin alzador: ao final o cinto tapáballe a cara». Se se repite a situación este martes, non dubida en que «a miña filla non irá nesas condicións ao colexio, aínda cumprirá catro anos en outubro e non o vexo seguro, quero que me garantan por escrito as medidas de seguridade á ida e á volta».
Desde a Consellería de Presidencia, que leva a xestión do transporte escolar, deixa claro que «a seguridade no transporte de escolares e a súa correcta prestación son prioritarias para a Xunta de Galicia, que permanece atenta para corrixir as incidencias que se poidan producir». Apunta que de momento «nin as familias nin o centro de ensino contactaron con esta administración sobre esta problemática». Pero a Xunta contactará coa concesionaria «para que preste o servizo conforme á normativa vixente, sen prexuízo doutras medidas que correspondan de confirmarse un incumprimento».
Ante esta situación, os pais da nena, Silvia Novo e José Carlos Íñiguez, puxeron os feitos en coñecemento da Garda Civil. Descoñecen se este transporte escolar foi pola vía rápida que adoita usarse habitualmente para chegar ao colexio. Eles viven na parroquia fenesa de Maniños e recorreron ao servizo neste curso por necesidade de conciliación. Para a nena, é o seu segundo ano en Infantil. A nai recalca que «ante a nosa sorpresa apareceu o taxi coa coidadora, dentro ía outra nena sen medidas de suxeición e pregunteille ao taxista como ían así». Non lle quedou máis remedio que usar deste xeito o transporte. E para o regreso, «pedinlle á miña cuñada, que vive a 20 quilómetros, que ma fose a buscar».
Asegura Silvia que «á saída do colexio si que se pon un bus porque van máis nenos, pero á ida son menos e por iso hai taxis ou furgonetas; o taxi que chegou é un turismo con tres prazas detrás, non é unha furgoneta».
No caso de que hoxe vinga o taxi co sistema de retención infantil ou o bus escolar, estes pais indican que si que enviarán á súa filla ao cole. Pero en caso contrario, «preferimos que non, porque non quero que vaia co cinto amais da cara». A Xunta insiste en que seguirá facendo todas as medidas necesarias «para garantir as adecuadas condicións de seguridade».