Os hoteis de Ferrol, un refuxio durante o apagamento: «Levo 26 anos no Almirante e nunca vin a cafetería tan chea»

FERROL

CÉSAR TOIMIL

Grazas ao seu grupos electróxenos, grandes aloxamentos tiveron subministración o luns e convertéronse en oasis para tomar café, cear quente ou cargar o móbil

29 abr 2025 . Actualizado á 20:39 h.

Ás 12.32 horas do luns, todo Ferrol —do mesmo xeito que o resto da península ibérica— quedou sen subministración eléctrica, pero os hoteis máis importantes da cidade naval, grazas aos seus grupos electróxenos, puideron seguir funcionando con normalidade. Foi o que sucedeu no Parador de Turismo ou o Gran Hotel de Ferrol. E tamén no Almirante da rúa María, cuxa cafetería se converteu de inmediato nunha sorte de refuxio para persoas desexosas de tomar un café ou unha infusión (moitos bares estaban abertos, pero só servían refrescos), cear quente, ver as noticias pola televisión ou cargar o móbil... E ata para os xornalistas da delegación ferrolá de La Voz de Galicia, que se encomendaron coma se fose un santo á wifi do Almirante para poder enviar a primeira crónica de urxencia do grande apagamento á central do xornal en Arteixo.

«A verdade é que foi alucinante, llevo 26 anos traballando no Almirante e nunca vin tan chea a cafetería do hotel», comenta xa a touro pasado a directora, Mercedes Porto. «Nun día normal, a cafetería adoita estar bastante concorrida polas mañás, pola tarde queda máis tranquila e polas noites só veñen cear os hóspedes aloxados do hotel. Pero o luns foi un non parar durante todo o día. Á hora da comida xa houbo bastante clientela, e tras a sobremesa, a trasfega foi continuo. Pola tarde, veu moita xente a tomar café, e pola noite, a pola cervexas e ceas a base de hamburguesas, sándwichs e picoteo», explica a responsable do Almirante.

Foi tal a demanda que as despensas e cámaras do hotel quedaron case sen existencias ao final do día. Pero Mercedes Porto recoñece que se viviron momentos de nervios, porque, aínda que o Almirante dispón dun grupo electróxeno, o depósito de combustible que alimenta o xerador estaba só á metade da súa capacidade cando se foi a luz. É dicir, con só 100 litros dos 200 que pode albergar en total, polo que os responsables de mantemento do hotel, César e Luis, tiveron que saír ata dúas veces en busca dunha gasolineira na que poder encher as garrafas con combustible. «A primeira vez fomos á de Cepsa na Gándara, e a segunda vez, volvemos alí, pero era tal a caravana que nos fomos. Tivemos sorte porque na que hai onda os bombeiros, Petrocash, non había ninguén e puidemos encher as garrafas rapidamente sen problema», explica César.

Grazas a ese combustible, no Almirante houbo luz durante as dezaseis horas que durou o apagamento, o ascensor funcionou con normalidade e a cafetería transformouse nun oasis e punto de reunión de moitos veciños e amigos. Pero, aínda que todo foi ben, Mercedes non puido conciliar o soño á noitiña. «O sábado temos unha voda no Pazo Libunca (outro hotel do mesmo dono que o Almirante) e estaba preocupada por se poderiamos manter o servizo ao cliente», comenta nunha mañá xa normal de martes, aínda que ao mesmo tempo inusual porque se tivo que traer ao traballo ao seu fillo Jorge, de 4 anos.

«De madrugada, a través do Abalar, xa me chegou a mensaxe de que hoxe (polo martes) suspendíase a actividade lectiva e o transporte escolar, así que mo trouxen ao hotel», explica Mercedes mentres Jorge devora unha napolitana de chocolate e conta o moito que lle gusta o seu cole, o CEIP Pazos. «O do apagamento foi un susto, pero me queda a alegría e satisfacción de poder atender á clientela e de que o Almirante se convertese en refuxio para moitos veciños», conclúe Mercedes.

CÉSAR TOIMIL

Carlos Borreiros, da ferraxería Fortúnez: «Vendemos todos o cámping gas e moitas lanternas» 

Ante a incerteza de non saber cantas horas duraría o apagamento, moitos veciños de Ferrol lanzáronse á rúa en busca de aliados para facer fronte a unha noite sen electricidade. Na ferraxería Fortúnez de Canido, Carlos Borreiros tivo bastante trajín. «Só tiñamos tres cámping gas e vendémolos todos e tamén bastantes lanternas», comentaba tras o mostrador o martes pola mañá. «Foi unha xornada complicada, porque a xente viña nerviosa para comprar o cámping gas, pero xa non nos quedaban e non os podiamos axudar», explicaba a continuación. Para cobrar non tivo problema, porque a máquina rexistradora pódese abrir con chave e a clientela levaba diñeiro en metálico. «O luns quedaron baleiros moitos colchóns», chanceaba un cliente da ferraxería.

Na tenda Sonimaxe da rúa Magdalena, Manuel Otero tamén despachou case todos os transistores a pilas que tiña —doce dun total de 14— e esgotou as pilas. «Ás seis xa pechei porque non tiña moito máis que vender, e as entregas que tiña previstas —dúas lavadoras, un combi e unha campá extractora— tívenas que suspender, porque, ao non haber electricidade, non as podiamos deixar conectadas».