As grandes historias

Ramón Loureiro Calvo
Ramón Loureiro CAFÉ SÓ

FERROL

Ramón Loureiro

08 abr 2024 . Actualizado á 11:14 h.

Hei de recoñecer, e por suposto agradecer eternamente, o feito de ter no pasado século, a finais dos anos sesenta e comezos dos setenta, a sorte de vivir unha infancia na que estiven rodeado, día tras día, de excelentes narradores, de grandes contadores de historias. Iso, que me axudou a ser un neno moi feliz mentres a miña nai aínda vivía, permitiume comezar a habitar este mundo inmerso nunha das máis fermosas tradicións da humanidade, que é a de conversar e contar en voz alta historias que, aínda que se narraron mil veces, sempre son, especialmente se se contan ben, historias novas. Á miña nai, por exemplo (non tiña pensado citala hoxe aquí, pero neste preciso instante ela regresa á miña memoria como unha luz que se abre paso na escuridade a través das tebras do tempo...), encantáballe contar os contos clásicos —eses que tan ben recolleron, entre outros, os irmáns Grimm e o Señor de Perrault—introducíndonos a nós mesmos neles, de maneira que o Lobo Feroz sufría a maior das derrotas, invariablemente, cada vez que se achegaba a Pedre, mentres que o Gato con Botas, á hora de andar en carroza, prefería pasearse sobre todo, arriba e abaixo, pola Costa dá Lagarteira. Coméntolles isto agora porque veño de pasar un par de horas verdadeiramente divertidas con tres amigos moi queridos, Ramón Irazu, José Manuel Couce Fraguela e Víctor Saavedra, oíndoos falar, con ese talento de grandes narradores ao que a literatura tanto lle debe, das cousas máis diversas: desde o Ferrol do século XVIII, a pesca da robaliza, o cambio climático e as grandes fazañas do atletismo, ata a música do Caribe, o parentesco entre Benito Vicetto, Valle-Inclán e Cunqueiro, as viaxes á lúa, os fenómenos paranormais e o cultivo do centeo.

O faladoiro é un xénero literario máis. E, entre amigos, outra das belas artes, que fai mellores os días. Estou seguro de que Cervantes (como o era Carlos Casares e como o son, entre outros, José María Merino, Pío Caro-Baroja, Xulio Valcárcel, Anxo Basanta, Carlos Vidal e César Antonio Molina) tamén foi un conversador estupendo.

ramón loureiro