O alcalde de Ferrol descarta actuacións sobre a casa natal de Carvalho Calero neste mandato

La Voz FERROL

FERROL

JOSE PARDO

Mato ve «moi difícil, por non dicir imposible» abordar a reforma a curto prazo

25 mar 2022 . Actualizado á 05:00 h.

A casa natal de Carvalho Calero non iniciará a súa recuperación neste mandato. Tras a anulación do plan especial de Ferrol Vello tras a recente sentenza do Tribunal Supremo, era algo que se daba por feito, pero que corroboraba onte o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, no transcurso dunha entrevista en Radio Voz Ferrol (105,4 FM). «Vexo moi difícil, por non dicir imposible, que se poida abordar a reforma», recoñecía, refugando outras opcións como unha modificación puntual ou a declaración de zona ZER (zona de especial necesidade de rehabilitación) que pedía o BNG. O domingo esa formación e outras cinco entidades protagonizarán unha concentración na Praza Vella para esixir que o proxecto non se paralice.

O rexedor referiuse tamén a l convenio con Defensa, sobre o que asegurou «daranse pasos administrativos en breve», que non quixo desvelar, mantendo o compromiso de que o acordo se execute neste mandato. E sobre os pregos do servizo de mantemento de xardíns, eludiu confirmar se o documento irá a pleno a próxima semana, como integrantes do goberno trasladaron aos traballadores. Será, limitouse a dicir, «canto antes».