O BNG planta a Pedro Sánchez: «O Goberno non pode buscar unha foto para branquear os seus casos de corrupción»
ESPAÑA

Desde o Bloque lembran que o seu apoio ao actual Executivo limitouse o Acordo de Investidura
17 jun 2025 . Actualizado á 20:51 h.O BNG anunciou este martes que tampouco acudirá á rolda de contactos cos socios de investidura que convocou o presidente Pedro Sánchez e xa advertiu de que o Goberno pode «buscar unha foto» para intentar «branquear» os casos de corrupción que afectan ao PSOE.
A formación nacionalista galega, que tiña cita este mércores co presidente, sostén que esta rolda de contactos é «unha especie de cuestión de confianza abordada de forma individualizada con cada forza política», e considera que ese respaldo debe gañarse con feitos, «non con xestos nin declaracións baleiras».
«Nun momento no que están a saír á luz informacións graves sobre prácticas corruptas vinculadas a membros do PSOE, o Goberno non pode buscar unha foto de respaldo que desvíe a atención ou pretenda diluír responsabilidades», sinalou o deputado Néstor Rego.
Segundo recalca, o BNG «non vai participar no intento de branqueo que o PSOE está a levar a cabo en relación cos casos de corrupción que afecta as súas filas» e avoga por «políticas valentes, transparencia institucional e unha actuación exemplar por parte do Goberno, máis aló de escenificacións para a galería».
Para rematar, desde o Bloque lembran que o seu apoio ao actual Executivo limitouse o Acordo de Investidura, «que foi claro e concreto»: votar a Sánchez a cambio dunha serie de compromisos. «O BNG xa cumpriu a súa parte e agora, é o Goberno quen debe executar pactar, sen escusas nin manobras de dilación», apostilan.