Afastados do mundo: unhas eleccións de andar por casa

Pablo González
Pablo González REDACCIÓN / LA VOZ

ESPAÑA

María Pedreda

Unha campaña máis que obvia a política exterior, dividida entre os que buscan máis liderado e os máis soberanistas

21 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

«1582, o sol non se puña no noso imperio...», cantaban os Nikis nos oitenta, lembrando aqueles tempos onde o máis importante non sucedía dentro destas vellas fronteiras, senón fóra. É difícil que a política exterior se coe nunha campaña, e a actual está dentro desa media. O conflito catalán e o rumbo suicida independentista, a reacción nacionalista no resto do país e os tanteos cara a un diálogo complexo son as ideas que marcan o devir electoral. Apenas o brexit asoma timidamente, e a miúdo tamén vinculado a evidenciar que os referendos autodeterminantes son armas que as carga o diaño e que en moitos casos só serven para fracturar por longo tempo ás sociedades.

Tivo certa relevancia nas xerais de 1986, cando aínda estaba moi recente o referendo sobre a permanencia de España na OTAN convocado polo Goberno de Felipe González. E por suposto nas do 2004, marcadas polo apoio do Executivo de Aznar á guerra de Iraq e o posterior atentado do 11M. Foron dúas excepcións que confirman a regra do ausente relato exterior nas eleccións xerais.

Hai xa que logo que rebuscar nos programas, onde a política exterior é propicia para as declaracións grandilocuentes, e talvez se atope algunha referencia aos grandes clásicos da diplomacia española: Xibraltar, Venezuela, o Sahara occidental, Cuba ou Marrocos.

O PP busca para España unha «vocación de liderado internacional» que se sustancie principalmente no escenario europeo e no que denominan «responsabilidades históricas» do país con Iberoamérica, onde creen que a diplomacia española debe «liderar o apoio aos demócratas de Venezuela, Cuba e Nicaragua». No conflito venezolano, aseguran que só recoñecerán como lexítimo ao Goberno de Juan Guaidó, e adiantan un plan de axuda humanitaria para ese país. Con Marrocos, queren un novo tratado de boa veciñanza, á vez que planean recuperar o modelo Marca España fronte á actual España Global do Goberno de Pedro Sánchez. A pesar das críticas do Goberno mexicano, impulsarán o quinto centenario da chegada de Hernán Cortés a ese país. Sobre Xibraltar, destacan que non aceptarán ningún acordo sen o consentimento de España.

O PSOE coincide no básico sobre a colonia británica e sobre o liderado internacional, aínda que o fai desde o multilateralismo. Ante a globalización, aseguran que «o repregamento nacionalista non é posible, nin moito menos desexable». Sánchez foi o primeiro presidente español en visitar Cuba despois de 32 anos, e os socialistas alegan que o protocolo de consultas políticas incluirá por fin o asunto esencial: o respecto aos dereitos humanos na illa.

O Partido Socialista, que dedica un amplo espazo ao capítulo internacional, tamén continuará coa defensa da reputación de España a nivel global, para contrarrestar a lenda negra independentista. Tamén queren reforzar a relación con Portugal , así como a cooperación para o desenvolvemento. E describen a Nicaragua e a Venezuela como países que están «nunha clara deriva autoritaria». Estados Unidos sigue sendo un aliado clave, a pesar do seu «crecente aislacionismo», matizan.

Líderes e soberanos

Todos queren reforzar o papel de España no mundo, tamén Cidadáns e Vox. Os primeiros prometen unha transición ordenada no brexit. Os segundos afrontan a política exterior desde o nacionalismo, cuestionando institucións europeas que se inmiscen» na soberanía española, preferindo o bilateralismo, e «abandonando organismos supranacionales se son contrarios aos intereses de España». Prometen «determinación» para a «devolución» de Xibraltar.

Podemos, que non menciona o conflito venezolano, aspira tamén a unha maior dose de soberanía económica fronte a Bruxelas . Pero márcanse obxectivos tan ambiciosos como idealistas, como ese de «levar a democracia» ás finanzas internacionais.