A complexidade do voto rogado afastou das urnas a 160.000 galegos emigrantes

Susana Luaña Louzao
susana luaña SANTIAGO / LA VOZ

ESPAÑA

José Manuel Casal

A reforma do sistema quedou paralizada polo adianto das eleccións xerais

09 mares 2019 . Actualizado ás 13:00 h.

Un mozo galego que curse un Erasmus en Alemaña, se quere exercer o seu dereito ao voto nos próximos comicios, deberá marcar varias datas no calendario e cargarse de paciencia para sortear todas as dificultades administrativas e burocráticas que implica emitir o voto desde o exterior. Do 11 ao 18 de marzo deberá inscribirse no censo, se aínda non o está, para poder votar nas xerais. Logo ten ata o 30 de marzo para solicitar o voto e que lle envíen a documentación, que debería recibir antes do 16 de abril para logo remitir o seu voto por correo antes do día 24. Pero ao mesmo tempo deberá estar pendente dos prazos para as municipais e europeas, porque tamén entre o 8 e o 15 de abril terá que inscribirse ou reclamar a súa inclusión no censo, co fin de rogar o voto antes do 27 de abril, agardar a que lle cheguen as papeletas e votar, como moi tarde, o 22 de maio.

Un engorroso sistema que está a facer desistir a boa parte dos electores. A proba é que, desde que se implantou, a porcentaxe de sufraxios dos galegos no exterior baixou dun 35 % a un 3,5 %, e o número de votos, de 175.000 papeletas contabilizadas no 2008 -antes de que se implantase ese sistema- a 17.500 nas xerais do 2016. Preto de 160.000 menos. Nas autonómicas pasouse de 105.682 votos no ano 2005 a 88.666 no 2009 e 13.663 no 2012.

O voto rogado -un sistema polo cal ten que ser o votante o que solicite as papeletas e o permiso para votar- naceu para acabar coa fraude do voto exterior. Pola falta de controis no proceso, podíase votar incluso facendo uso da identidade de persoas falecidas. Pero o que se implantou co Goberno de Zapatero creou o problema contrario, e é que moitos emigrantes non poden exercer o seu dereito ao voto, ben por falta de información, ben porque non lles chega a documentación, ben porque as dilacións administrativas impiden que a papeleta chegue a tempo. «Sabemos, polo número de persoas que o solicitan fronte ás que realmente votan, que boa parte dos galegos que están fóra non poden facelo», quéixase o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. O groso dos galegos na diáspora está en Latinoamérica, e é neses países, precisamente, onde o correo é máis deficitario. «O que pedimos -di Miranda- é un sistema seguro, áxil e transparente».

Todo depende do país de destino. A María Louro, unha galega que reside desde hai anos en Inglaterra, infórmanlle puntualmente desde o consulado, «pero as papeletas chegan por correo certificado e, se non estás en casa para asinar, non chas deixan. A última vez non puiden votar por iso e agarreime un cabreo tremendo».

Recentemente, o Parlamento de Galicia manifestouse a favor da supresión do voto rogado, co apoio do PP, En Marea e PSdG e a oposición do Bloque. Á súa vez, no Congreso tramitábase unha reforma da lei electoral que estaba a piques de dar os seus froitos, pero que quedou paralizada polo adianto das eleccións xerais e a disolución das Cortes, para desgusto de todos aqueles emigrantes que agardaban unha solución. As queixas que chegan á web de Emigración ou ao correo do colectivo Marea Granate son boa proba diso.

Non o chaman o voto rogado, chámano o voto roubado. Porque o dereito ao sufraxio acabouse convertendo nun privilexio ao alcance de moi poucos.

No 2008 votaron o 35 % do censo exterior galego, e no 2016, só un 3,5 %