Hai 540 anos, Sandro Botticelli pintou un cadro de 3x2 metros cun espido e sobre un asunto mitolóxico. E rompeu moldes
09 dic 2025 . Actualizado á 20:24 h.Alessandro di Mariano Filipepi, coñecido como Sandro Botticelli, naceu en Florencia no século XV. Foi aprendiz de Fra Filippo Lippi antes de abrir o seu propio taller. Facía encargos para as igrexas de Florencia e para as familias máis poderosas, como os Medici. Colaborou en Roma na Capela Sixtina, pero caeu en desgraza ao ser expulsados os Medici de Florencia.
Esta pintura soborda elegancia, delicadeza e harmonía. Móstranos a chegada de Venus, deusa romana do amor, á illa de Chipre. Ao redor, múltiples signos da primavera, símbolo de renovación. A composición é moi equilibrada e o centro ocúpao a icónica figura da deusa, que encarna o ideal renacentista da beleza.
Esta obra foi probablemente un encargo dun dos membros da poderosa familia dos Medici: Lorenzo de Medici, para a súa casa de campo. Familiarizado coa mitoloxía grega e romana e a filosofía de Platón, pode verse esta Venus como unha beleza divina e perfecta. Botticelli, rompe con esta obra o costume de que as temáticas mitolóxicas ocupasen moi pouco espazo, comparado coas obras relixiosas. Rompe con esta tradición e crea o primeiro lenzo de temática mitolóxica de grandes dimensións.
A obra pódese ver, restaurada en 1987, na Galería Uffizi, en Florencia.
---------------------
Francisco Canoura é profesor no IES S. de Madariaga (A Coruña).