O ditador, que encabezou un golpe de Estado contra a República, gobernou España desde o final da Guerra Civil, en 1939, ata 1975
26 nov 2025 . Actualizado a las 10:08 h.O pasado día 20 fixo 50 anos da morte de Francisco Franco, o ditador que gobernou España durante case catro décadas. É un bo momento para lembrar a nosa historia, desde a represión do réxime franquista á loita civil e política pola nosa democracia.
Quen era Franco?
Ferrolán, era un militar de carreira que chegou a ser moi importante dentro do Exército español. Durante a Guerra Civil (1936-39) converteuse no líder dos sublevados e, despois de gañar a guerra, mandou en España como ditador ata a súa morte, en 1975.
Que é unha ditadura?
Un réxime baseado no terror da poboación cun pequeno grupo dominante que ten poder absoluto. O ditador, e en menor medida os seus colaboradores, o deciden todo. Poden ordenar deter, encarcerar e mesmo asasinar a calquera que se opoña a eles.
Como chegou ao poder?
En 1936, Franco e outros militares rebeláronse contra o Goberno democrático do momento, a República. A rebelión non triunfou inmediatamente e o país dividiuse en dous bandos. Así empezou a Guerra Civil. Cando este conflito terminou en 1939, Franco quedou co control total do país..
En que situación estaba España antes da guerra?
As guerras non chegan da nada. España vivía un momento de moitos cambios. O Goberno da República (onde non hai rei) quería modernizar o país con novas leis, parecidas ás que temos hoxe. Pero eses cambios non gustaban a todos: uns por interese (porque perdían poder) e outros por convicción de que aquilo non era bo, moita xente estaba en contra. A violencia era común, o desorde se estendía e España estaba dividida en dous bandos, o que facilitou que a situación acabase nun conflito armado.
Que sucedeu nesta guerra?
O avance dos militares sublevados dividiu España en dous (País Vasco, Madrid, Cataluña e Valencia seguían controladas pola República), pero nun territorio e noutros habían xente dos dous bandos. Aos ataques dos exércitos houbo que sumar as vinganzas persoais nas diferentes localidades segundo quen gobernase. Ao final, en abril do 1939 os militares sublevados gañaron a guerra, que chamaban cruzada.
Que liberdades se perderon?
A principal, a de falar das nosas ideas en voz alta, como facemos hoxe. Non había partidos, ni eleccións, nin ninguén que puidese criticar a Franco; de facelo, acababan na cárcere ou asasinados (se non escapaban do país). As persoas homosexuais eran encarceradas por perigosas, así que vivían escondendo a súa natureza. As mulleres tiñan moi poucos dereitos: necesitaban permiso do seu o pai ou seu marido para traballar, e de facelo o seu soldo era propiedade do marido, que podía gastalo sen contar con ela; non existía o divorcio e a xente só podíase casar pola Igrexa. Esta era tan poderosa como o Exército. Nas escolas só ensinábase o que o réxime quería, e o Goberno decidía que libros se podían vender ou ler. Estaba mal visto falar galego (ou vasco ou catalán) fóra da casa, e non había documentos oficiais nestes idiomas; este suplemento tería que estar escrito en castelán si o si.
Os xornais os lía o Goberno antes de publicalos
Un político aparece enfadado na televisión por unhas informacións xornalísticas que non lle gustan. Vos soa? Pois iso non foi posible no franquismo. Todas as noites, o xornal era enviado a representantes do Goberno para que o leran e quitaran o que non lles gustaba; iso facía que os xornais, para non perder tempo nin ter problemas, xa non contaran máis que aquilo que sabían que pasaría a censura, que era como se chamaba ese sistema.
No ano 1966, unha lei (firmada por Manuel Fraga) acababa coa censura previa: non había que enviar xornais antes da publicación. Pero o Goberno podía multar e pechar un xornal se non lle gustaba (como o diario Madrid, pechado e mesmo derruído).
Buscade na rede que xornais hoxe (dixitais ou en papel) teñen posturas críticas co Goberno.
A Lei de Memoria Democrática para lembrar aos que sufriron
En España, existe unha lei chamada Lei de Memoria Democrática, aprobada no 2022. Ten como misión recoñecer a todas as persoas que sufriron durante a Guerra Civil e a ditadura franquista, xa sexa polas súas ideas políticas, a súa orientación ou identidade sexual, a súa fe ou a súa forma de pensar. Pensa que, como en todas as guerras, os vencedores son quen escriben a historia, e os perdedores desaparecen dela ou, peor, se lles considera traidores, aínda que só defenderan as súas ideas. Por iso, a lei busca que a historia de moita xente non se esqueza e impón medidas para elo. Unha das máis relevantes é a procura de desaparecidos que foran asasinados nesta época da historia. E impón a retirada de símbolos franquistas por ter sido un réxime ditatorial saído das armas e non das urnas.
Actividade básica
O pasado
No colexio, estudamos desde moi pequenos a historia do mundo e de España. Para algúns, esta materia é aburrida, pero están equivocados. Por que é importante aprender o que sucedeu no pasado?
-------------------
As actividades están deseñadas por L. Cancela
Totalitarismos na xuventude
A catro de cada dez mozos de entre 18 e 24 anos non lles importaría vivir baixo un sistema menos democrático se mellora a súa vida
Nos últimos anos, no noso país víronse escenas que sorprenden a moitos: mozos nados nos 2000 corean o nome de Franco fronte á sede de partidos políticos e ondeando bandeiras preconstitucionais. Non o fan como un xogo histórico nin con ironía: fano en serio, reivindicando un pasado que nunca viviron e cuxa dureza descoñecen. Para os expertos, este fenómeno non se entende coa historia, senón co presente. Existe unha narrativa que conectou cunha parte da mocidade, usando ás redes sociais, e presentando a vida actual como peor que a dos seus pais, suxerindo que só un mandato estrito, como o do pasado, podería restaurar a normalidade.
Segundo o CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas), ao 38 % dos mozos de entre 18 e 24 anos do noso país non lles importaría vivir baixo un sistema menos democrático se iso mellora a súa calidade de vida. Esta cifra reflicte unha busca de seguridade que se pode entender, pero é falsa. Pensan que un líder firme pode resolver os problemas, especialmente se a democracia non parece representar os seus intereses, pero esquécense dun matiz: un sistema autoritario implica que as túas liberdades non dependen de ti, senón de quen ten o poder.
Vivir nunha ditadura só significa submisión. Os que gobernan teñen todo o poder non disimulan, así que se queren algo, o collen. Hai quen di que hoxe en España vivimos nunha ditadura, pero pensa só estas dous cousas: quen o di, o fai desde a televisión, tribuna ou mesmo no Congreso dos Deputados; e en ningunha ditadura sería nin sequera xulgado o fiscal xeral do Estado porque unha persoa se sinte atacada por el.
Que o poder abra as súas portas a novos colectivos (mulleres, inmigrantes ou o persoas Lxtbi) poden xerar medo en quen non quere que as cousas cambien, pero a evolución humana sempre significa cambio. Se non os houbera desde fai cen anos, por exemplo, a práctica totalidade de vós viviría nunha casa sen baño nin auga corrente, sen neveira nin lavadora, sen calefacción nin fármacos contra a dor. A que o pasado xa non estaría tan ben?
A democracia logrouse na política, pero tamén nas rúas do país
Para moitos, a morte de Francisco Franco simbolizou o final dunha etapa escura, pero en realidade só abriu a porta á democracia, un proceso que a sociedade española tivo que construír paso a paso. Tras a ditadura, España non espertou automaticamente en liberdade. É dicir, seguían sen existir partidos políticos legais, calquera protesta ou reunión podía ser reprimida, e os medios de comunicación estaban censurados. Neste contexto, crear un sistema onde todos puidesen participar, opinar e decidir era un reto enorme.
A Transición española supuxo un esforzo colectivo por transformar a sociedade. Políticos de distintas ideoloxías cederon nas súas ideas para acordar reformas que parecían imposibles durante a ditadura. Legalizáronse partidos como o PSOE e o PCE, aprobáronse dereitos civís, e en 1977 celebráronse as primeiras eleccións libres en máis de 40 anos. Non foi un camiño fácil. Grupos independentistas poñían bombas e os afíns ao réxime protestaban nas rúas polas novas liberdades. Os militares organizaron un golpe de Estado en 1981.
A Transición ensinounos que a liberdade se constrúe. As xentes anónimas organizáronse en colectivos (de traballo ou mesmo de veciños, que tiñan moitísima forza) e foron quen, xunto con políticos que aceptaban negociar, de consolidar a liberdade que hoxe damos por suposta.
Actividade media
A censura dos medios
Un dos dereitos que antes se coartan nas ditaduras é o dereito á información. Isto conséguese mediante a censura dos medios de comunicación e o seu control. Por que pensades que sucede? Que valor teñen as noticias na democracia?
ENTENDER
O desexo do pasado ten moito de antifeminismo
- Os menores (sobre todo varóns) de 30 anos, historicamente vinculados ao progresismo, están cada vez máis atraídos por partidos e discursos radicais que se sitúan no antifeminismo. Movementos como os «incel» (rapaces que non atopan parella) e as «tradwifes» (que busca que as mulleres volvan a estar na casa como nos tempos das nosas avoas) inundan as redes. No fondo o que rexeitan é que as mulleres sexan igual que os homes en todos os campos da vida.
- O feminismo, que sempre buscou esa igualdade, é presentado como un privilexio innecesario, culpable de que os homes agora importen menos.
- Permitirán as rapazas que o seu noivo lles diga en que gastar o seu diñeiro? Renunciarán ás súas carreiras? Dedicarán a súa vida a limpar e cociñar para que os seus homes vivan mellor? Cambiade nestas preguntas a palabra «rapazas» pola de «rapaces» e veredes o absurdas que resultan.
PROFUNDAR
Os nacionalismos do século XXI: entre a imaxe de patriotismo e os intereses políticos internacionais
- Nos últimos anos, Europa é testemuña do ascenso de forzas políticas que se presentan como defensores do seu país e da identidade nacional. En España e Italia, partidos como Vox ou a Liga Italiana defenden a bandeira cun patriotismo férreo, vinculado á defensa da soberanía e, no mesmo saco, dos valores tradicionais. Sen embargo, adoptan posturas internacionais que, na práctica, resultan contraditorias cos intereses dos seus propios veciños.
- O exemplo máis claro é a relación dalgúns destes partidos con figuras políticas estranxeiras. Vox, por exemplo, expresou admiración por Donald Trump, mentres que a política arancelaria do presidente estadounidense prexudica a moitos produtores españois. O mesmo fan con o arxentino Milei, que intenta (non ten tanto poder) facer algo parecido ao de Trump. Esta incongruencia amosa que o nacionalismo que promoven non sempre se basea nunha análise estratéxica dos intereses nacionais, senón na identificación emocional con líderes que encarnan unha visión de confrontación global.
- Estes nacionalismos tamén están en contra da Unión Europea e a soberanía compartida. Os países membros delegan poderes en comercio, seguridade, medio ambiente e dereitos fundamentais para gañar peso no mundo ao estar unidos. Un nacionalismo ríxido que promove a confrontación fronte a socios europeos pode debilitar esa cooperación, socavando a capacidade de cada país por separado.
Actividade avanzada
A mestura de culturas
Estes nacionalismos teñen unha postura de «nós contra os outros». Sitúanse como férreos defensores da súa cultura e historia, e no aceptan a introdución doutras. Repasade o paso de distintos pobos polo que hoxe é España e que nos deixaron.