Nais e pais de escolares de Covas-Viveiro volveron concentrarse vestidos de negro en demanda de profesorado de apoio
A MARIÑA
«Os nosos fillos non poden agardar», sinalaron, e contaron co apoio de Fapacel, a Federación de Anpas lucenses
28 nov 2025 . Actualizado á 14:14 h.Nais e pais de escolares do colexio de Covas, en Viveiro, volveron protagonizar un «venres negro» en demanda de profesorado de apoio. Á primeira hora da mañá concentráronse ante o colexio vestidos de negro; este venres contaron co apoio dunha representación de Fapacel, a Federación de Anpas da provincia de Lugo, que destacaron o feito de que en Covas alzasen a voz esixindo máis profesorado de apoio para un ensino de calidade. Sinalaron tamén desde Fapacel que esta situación -a falta de profesorado de apoio- dáse noutros centros.
«Estamos aquí para alzar a voz polos nosos fillos, polo seu dereito a unha educación inclusiva de calidade e pola xustiza que merecen. Neste colexio un 22% do alumnado necesita apoios especializados para poder aprender, comunicarse e participar plenamente na vida do centro. Con todo, estes recursos non están garantidos nin se están cubrindo coa intensidade necesaria. O artigo 79 do Decreto de Atención á Diversidade establece que os centros deben contar cos profesionais especializados necesarios para atender á totalidade do alumnado. Aínda así en Covas a realidade é outra», explicaron.
«Os nosos fillos non poden agardar, a súa educación, o seu desenvolvemento e o seu futuro están en xogo. Non estamos a pedir nada imposible, estamos a pedir a aplicación da normativa vixente», manifestan.