En Portada: Europa mira preocupada para o ceo

ESCOLA

Drones supuestamente rusos derribados en Polonia este mes
Drons supostamente rusos derrubados en Polonia este mes WOJTEK JARGILO | EFE

As incursións de avións non tripulados no espazo aéreo dalgúns países como Polonia ou Dinamarca activan todas as alarmas

30 sep 2025 . Actualizado á 20:50 h.

Empezamos o curso cun tema internacional: a incursión de drons non autorizados en distintos países europeos. Para quen non o saiba, os drons son aparellos que voan sen piloto e se controlan a distancia. Existen moitos tipos: algúns se utilizan para gravar vídeos e outros forman parte da tecnoloxía militar. Estes últimos son os que preocupan aos países da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN). Imos aló. 

Que está pasando?

Nas últimas semanas, cidades e aeroportos do norte e o leste de Europa viviron episodios que acenderon todas as alarmas: avistamentos de drons non identificados que obrigaron a pechar temporalmente espazos aéreos ou a mobilizar recursos militares e policiais. Por exemplo, Copenhague prohibiu temporalmente os voos comerciais de drons en todo o país o 29 de setembro, e o seu aeroporto tivo que pechar durante varias horas. Tamén houbo informacións de avistamentos en Polonia, Alemaña, Francia, Noruega, Lituania, Letonia e Romanía.

Iso está mal?

Si, moi mal. Temos que pensar que un obxecto descoñecido voando en espazos non autorizados pode poñer en perigo a seguridade dun sitio, como é un aeroporto. Ademais, é unha burla ás súas fronteiras se vén dun país estranxeiro ou pode actuar como unha ferramenta de vixilancia por parte dun terceiro. 

De onde saíron estes drons?

Aínda se está investigando. Varios Gobernos europeos apuntaron cara a Rusia como posible orixe nalgúns casos, pero o Goberno ruso negou a súa implicación. Crese que estes drons estanse a utilizar como unha táctica de guerra híbrida, é dicir, como unha forma de presionar á Unión Europea. Non debemos esquecer que Rusia está en guerra con Ucraína, e que a Unión Europea é un firme apoio deste último país. 

Que están facendo os países afectados?

Neutralizar os drons en zonas onde hai xente é, en primeiro lugar, perigoso, xa que poden caer nunha área moi poboada e danar a alguén. Por iso, algúns países optaron por non facer nada nese momento e só denunciar o avistamento, paralizar os voos ou despregar avións dos seus exércitos para vixiar o espazo aéreo. Diferente foi a decisión de Polonia, que en canto os detectou derrubounos. No seu caso, puido identificar que se trataba de drons rusos, aínda que o Ministerio de Defensa deste país dixo que os drons que eles utilizaron esa noite tiñan como obxectivo Ucraína e que non tiñan capacidade para chegar a Polonia. Deron a entender que erraran no seu camiño. Tras a incursión destes drons, Polonia solicitou á OTAN —unha organización de países que se coidan entre eles— a activación do artigo 4, algo así como unha alarma para reunirse entre eles e decidir que facer. O resto dos países con avistamentos solicitaron cooperación multinacional. 

Por que?

Porque a Unión Europea debe dar unha resposta conxunta en materia de defensa. Por iso, propúxose a construción dun muro antidrons: un sistema de radares e defensas para detectalos e frealos en zonas críticas. Este situaríase na fronteira do bloque oriental, pegado a Rusia. Ademais, expúxose pedir axuda de Ucraína, xa que este país ten experiencia loitando contra os drons rusos.

E a OTAN?

A OTAN reuniuse para analizar a situación e coordinar medidas de defensa. Isto non significa que haxa guerra, senón que os países aliados se manteñen alerta. Non obstante, Rusia está mirando con lupa o papel da OTAN, porque Donald Trump intenta desentenderse da súa participación.

ACTIVIDADE BÁSICA

Bandeiras

No mapa podemos observar os países que detectaron unha incursión de drons non autorizados. Nun papel, escribe o seu nome e debuxa a súa bandeira. Que países fan fronteira con Rusia? E con Ucraína? Algún está pegado a España?

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela

 

Poderían chegar drons non autorizados a España?

A pregunta que convén facernos é: estes drons poderían chegar ao espazo aéreo español? Si, é posible que drons non autorizados cheguen ao noso territorio, pero é moi pouco probable. Rusia está lonxe de España e, polo momento, só está a burlar o espazo aéreo máis próximo ás súas fronteiras. Temos que pensar que Moscova non confirmou que os enviase de forma directa.

Agora ben, que pasaría? Se un dron non autorizado se achegase a Madrid, as autoridades activarían protocolos de emerxencia que poderían incluír a detección e seguimento mediante radares e sistemas de vixilancia, o despregamento de aeronaves militares para interceptar e neutralizar o dron se fose necesario, o peche temporal do espazo aéreo para garantir a seguridade e a investigación da orixe e propósito do dron para avaliar posibles ameazas.

Ensaios na vida real

É máis, en setembro, as Forzas Armadas españolas adestráronse nesta situación en Canarias. Aínda que se descartou que este simulacro estivese motivado pola incursión de drons non autorizados noutros países europeos, si é necesario preparar a defensa aérea. É como un adestramento, e coñécese como activación. Esta activación é a terceira do ano. Xa houbo outras dous similares: unha en marzo na costa mediterránea e outra en maio en augas de Galicia.

Vladimir Putin
Vladimir Putin SERGEY BULKIN / SPUTNIK / KREMLIN POOL | EFE

Rusia tentea a OTAN

O presidente ruso, Vladimir Putin, quere saber ata onde está disposta a chegar a alianza militar occidental para defender o seu territorio

Durante moitos anos, desde a Segunda Guerra Mundial (SGM), o mundo occidental dividiuse entre proestadounidenses e prorrusos. Uns representaban o mundo capitalista, o afán de vivir mellor e ter máis cousas; os outros, a utopía comunista de ser iguais. A fronteira entre ambos era Europa, e do lado prorruso non só estaba a propia Rusia senón todos os Estados que xunto (o mellor dito, baixo) ela formaron unha república de repúblicas, a URSS (Bielorrusia, Ucraína ou os bálticos Letonia, Estonia e Lituania, entre outros) e os países satélites (Polonia, Bulgaria, Hungría, Romanía... ata media Alemaña).

Para garantir a defensa común, Estados Unidos e a chamada Europa occidental formaron a OTAN, a Alianza do Atlántico Norte, que ten no seu artigo 5 a clave de todo sistema: si un país de fóra da OTAN ataca a un país da OTAN, o resto de Estados da Alianza entrarán en guerra contra ese atacante. Si la URSS lanzaba unha bomba a Francia, por exemplo, Estados Unidos (a maior potencial militar do mundo) atacaría a Rusia. Ante a creación da OTAN, a URSS e os seus socios formaron algo parecido, o chamado Pacto de Varsovia. 

A tensión entre ambas partes era enorme (a chamada Guerra Fría) pero no 1989 caeu o Muro de Berlín, una fronteira física entre ambos mundos, e a súa caída ocorreu porque o capitalismo gañou ao comunismo. Foron moitos os factores, pero o certo é que a utopía comunista era unha distopía, e a xente, en canto tiña unha mínima oportunidade, fuxía de aí. 

Rusia grande de novo

Os rusos estaban doentes, xa podedes imaxinar, e tras moitos bandazos, Vladimir Putin fíxose co poder a partir dunha premisa que igual vos soa, porque vén a ser a mesma que a de Trump: Rusia volverá ser grande de novo. E desde entón só quere crecer. 

Rusia quixo desde sempre facerse con Ucraína (que a considera parte de seu), e Europa non lle fixo moito caso. Nin no 2004 nin nos disturbios do 2013 (o chamado Euromaidán) nin mesmo cando invadiu Crimea ou se anexionou o Dombás. No 2020 foi quen de colocar un goberno monicreque na veciña Bielorrusia.

Putin, como todos os ditadores, pensa que as democracias son débiles, que se enredan en discusións menores e non saben defenderse con decisión. Parte de razón ten, porque en democracia as decisións se toman doutro xeito, negociando, e a violencia é descartada por definición. A ventaxe que temos é que a xente no se move por medo, senón por conviccións e iso ten un valor incalculable.

Putin aproveita ademais que Europa debe a súa forza militar ao respaldo da OTAN, e Estados Unidos (verdadeiro dono da OTAN), está en mans dun home que non cre nesta alianza, pois a ve unha carga innecesaria.

Con todo o anterior, xa imaxinades que é isto dos drons: un tenteo de Rusia para saber cal é a determinación da OTAN e da Unión Europea para defenderse.

Moldavia decide achegarse á UE nunhas claras eleccións

O pulso de Putin ten moitos frontes e un dos máis inquietantes é facerse co control dos países europeos veciños seus a través de eleccións democráticas. Un partido prorruso se presenta ás eleccións, recibe moitísimo diñeiro do Kremlin (a sede de Goberno de Rusia) e gaña. A partir de aí, o país vive unha deriva prorrusa e contra Europa moi perigosa. Iso é o que ocorreu con Bielorrusia.

O pasado fin de semana houbo eleccións en Moldavia, que o podedes buscar no mapa, pero é un país pequeno veciño de Ucraína. Unha parte quere ser rusa (iso é o que os rusos din) e declarouse república independente, Transnitria, abertamente prorrusa. Había medo na UE de que este fin de semana o resto do país seguise os seus pasos, pero o partido proeuropeo da presidenta Maia Sandu gañou por maioría absoluta.

ACTIVIDADE MEDIA

OTAN versus Pacto de Varsovia 

De seguro que non escoitastes falar do Pacto de Varsovia. Pois podedes buscar en internet (ollo coas páxinas que mirades!) a ver que era aquilo e que países o formaban. Podedes dividirvos en grupos e cada un analizar un aspecto desta institución: acordos, forzas, países, evolución... 

ENTENDER

O Vello Continente está só e necesita aliados

  • Europa era o continente máis poderoso do mundo ata finais do século XIX. Xa fora España no século XVI, Francia no XVIII ou o Reino Unido no XIX, os que mandaban estaban aquí. Pero no século XX as cousas cambiaron moito e o poder o tiña claramente Estados Unidos. A vantaxe? Que era un fiel aliado de Europa, á que admiraba, e porque de feito a meirande parte dos seus habitantes eran europeos ou fillos ou netos deles. 
  • Co século XXI apareceron novos actores: China, sobre todo (é a segunda potencia mundial), tamén India e, dun xeito diferente pero importante, Rusia. Estados Unidos ten que pelexar en moitos frontes e Europa xa non lle pode axudar como antes. Trump non é máis cun síntoma de todo isto. 
  • Europa ten que buscar novos aliados, ser moi flexible se quere seguir existindo como tal: un espazo de dereitos, respecto a grandes e pequenos, e de paz e prosperidade en liberdade.

ACTIVIDADE AVANZADA

Europa en loita na SGM

Na Segunda Guerra Mundial Europa loitou pola súa liberdade. Mirade nun libro (o web) de historia para saber que erros cometeron entón para ter que chegar a unha guerra, e as secuelas que deixou en mortos e vidas esnaquizadas.

PROFUNDAR

Estamos dispostos a chegar a unha guerra? O prezo dun enfrontamento bélico

  • Imaxina que Putin lanza un mísil contra Berlín. É unha tolemia, claro, pero pensemos que pasa. Europa lle declararía a guerra a Rusia? E se Estados Unidos di que non quere saber nada, que nos arranxemos sós, iría a UE a un enfrontamento bélico? Interesante e importante cuestión!
  • Seguro que habería moitas voces a favor e en contra da guerra e todas terían algunha parte de razón. Pódese evitar a guerra só con non querela? Pero, alguén quere unha guerra?
  • O certo é que non sabemos que podería pasar, pero calquera decisión debería estar moi ben pensada. A guerra non é unha solución porque cando remata a cantidade de dano feito claramente non compensa a vitoria. Pero, estariades dispostos a vivir nunha ditadura, sen poder expresar as vosas opinións, con risco de cárcere por dicir ou vivir como queirades; traballando sen posibilidade de estar tranquilos na vosa casa? Viviriades baixo unha potencia estranxeira? Nós xa vivimos nunha ditadura non hai tanto. Preguntade aos vosos maiores (os avós) que pensan eles dunha guerra por manter a nosa liberdade de hoxe.
  • Europa ten a oportunidade de demostrar a súa forza sen chegar tan lonxe. Pero para iso temos que estar unidos e apoiar as decisións do Goberno da Unión Europa. Non deixarse levar polas campañas de desinformación, non antepor as emocións á razón. E non esquecer nunca que a nosa debilidade é de feito a nosa forza: a liberdade de ser quen queremos ser.