Día mundial do corazón: por que non podemos vivir sen el?

ESCOLA

Pilar Canicoba

Celebramos unha xornada para concienciar sobre a importancia de coidar a súa saúde

01 oct 2025 . Actualizado á 11:10 h.

Din que ningún órgano é máis importante ca outro no corpo humano porque cada un ten a súa función vital, pero sen o corazón —ao que lle dedicamos o día mundial este luns para concienciar sobre as enfermidades cardiovasculares—, que sería de nós? En resumidas contas, nada; porque non podemos vivir sen el.

O seu cometido é manter o sangue en movemento no corpo de xeito constante. E iso é o que fai con cada latexo, de forma que transporta o alimento preciso a todas as nosas células, a través da absorción do osíxeno (o aire que respiramos) e nutrientes (a enerxía da comida). Seguro que xa vos contaron nalgunha clase o máis básico do funcionamento do corazón.

Para comezar, podemos pensar nel como un músculo moi forte do tamaño dun puño que está situado no peito, tirando algo máis cara a vosa esquerda. Ten dous lados separados: un, o dereito, no que recibe o sangue que xa circulou polo corpo e que a envía aos pulmóns. Neste momento podemos dicir que está sucio. Aí, énchese de osíxeno e límpase, indo de volta ao corazón polo outro lado, o esquerdo, que lle dá pulo e impulsa a todos os músculos, ao cerebro (outro dos órganos do corpo sen o que tampouco sería nada de nós) e a todo o corpo para que poidan traballar. Amais, cada lado ten unha cavidade (as dúas de arriba chámanse aurículas, e as de abaixo, ventrículos). En total, hai catro partes separadas. E todo o sangue circula a través dos chamados vasos sanguíneos. Son unha especie de tubos: as arterias (os camiños de saída do sangue limpo) e as veas (os de regreso ao corazón).

Sabedes cantas veces latexa ao minuto? O normal é que nun adulto en repouso sexan entre unhas sesenta e unhas cen veces. Nos nenos as pulsacións adoitan ser máis altas. Pero iso cambia, por exemplo, se nos poñemos nerviosos por algo co que non contamos ou se facemos exercicio. Seguro que vos pasa na clase de Educación Física, cando xogades, corredes ou patinades, non?

Aínda que o corazón está dentro de cada un, temos unha forma de saber que está funcionando dende fóra: co pulso. Sabedes como se mide? É moi fácil: poñedes os dedos índice e medio en calquera parte do corpo onde haxa unha arteria grande —a boneca ou o pescozo son dous bos sitios—, facedes presión ata sentir o golpe do latexo e contades as veces que o fai durante quince segundos. Logo o único que tedes que facer é multiplicar ese número por catro para obter os latexos por minuto. Sinxelo, non? Un consello, non o miredes nos dous sitios á vez!

Para saber máis 

Que se vos ocorre que poderiades facer cada día para manter o voso corazón san? Facede unha listaxe de recomendacións. Douvos unha pista: centrádevos na alimentación e o exercicio.