
Está demostrado que Israel se gastou o pasado agosto millóns de euros en mostrar mercados con alimentos en Gaza que realmente non existían
30 sep 2025 . Actualizado á 19:08 h.O 7 de outubro do 2023, Hamás atacou a Israel por sorpresa. Entón empezou unha guerra que arrasou Gaza e causou decenas de miles de vítimas mortais entre a poboación palestina da Franxa.
Desde que empezou esta terrible fase do histórico conflito en Oriente Medio, con niveis de destrución e masacres nunca acadados ata o de agora alí, a propaganda e a desinformación foron tamén armas poderosas, axudadas pola morte de numerosos xornalistas da zona.
A fame negra e os mercados
Cando o 22 de agosto a ONU declarou a fame negra en Gaza, Israel dixo que era «propaganda de Hamás». Non usou só palabras. Tamén gastou diñeiro. Unha investigación internacional, elaborada por membros do consorcio Eurovision News Spotlight, revelou que o Goberno de Netanyahu gastara millóns de euros en campañas en Youtube ou X (Twitter) para desacreditar ás axencias de Nacións Unidas ou dar difusión en Europa a vídeos que mostraban mercados repletos de alimentos na Franxa. Israel domina estas estratexias. Usounas para axudar a que o seu representante en Eurovisión 2025 fose a máis votada polo público.
Os vídeos da comida en Gaza eran enganosos, pero tiveron millóns de visionados. Nesas datas, se alguén buscaba en Google información sobre a fame negra, aparecían ligazóns patrocinadas por Israel. Se se picaba neles, accedíase a información favorable a Tel Aviv.
O xenocidio e «os idiotas»
En setembro produciuse unha fervenza de recoñecementos internacionais de Palestina como Estado para intentar frear a ofensiva israelí en Gaza. E debateuse sobre o uso da palabra «xenocidio». Co debate, chegaron os contos.
En X circulou un vídeo no que o primeiro ministro alemán, Friedrich Merz, supostamente chamaba idiotas aos que definían con xenocidio o que está a facer Israel na Franxa. Merz non dixo iso. O texto do chío mentía. Outros usuarios achegaron contexto, denunciando a falsidade. Pero aí segue a mensaxe, con máis de 700.000 visionados e seis mil compartidos.
Moitas veces a desinformación consiste en alterar parcialmente a realidade. Outro conto difundido estes días, sobre todo en TikTok, falaba de que pilotos militares dos Estados Unidos foran detidos por negarse a voar en avións de guerra a Israel e ían ser ingresados en prisións militares. Foi así? Non. Eran dous veteranos que protestaban no Senado contra o «xenocidio en Gaza». E foron arrestados por interromper a sesión. Outra vez os subtítulos levaban a pensar outra cousa. Hai que ter moito coidado con eles.