Dereitos dos profesores ou dos alumnos? As notas da primeira avaliación están en suspenso
EDUCACIÓN
A folga de profesorado organizada polo sindicato maioritario trastorna a reunión dos claustros esta semana
15 dic 2025 . Actualizado á 17:06 h.A folga de profesorado organizada polos sindicatos CIG e STEG puxo a colexios e institutos nun dilema: dereitos dos profesores ou dereitos do alumnado? E é que o paro, previsto para mañá martes e para o mércores, impacta de cheo na organización dos centros, xa que esta semana se celebran os claustros de avaliación, a reunión de docentes para decidir as notas da primeira avaliación.
Para a Consellería de Educación, «que a CIG estableza os seus días de folga precisamente nas xornadas da avaliación de trimestre non é froito da casualidade, senón unha proba máis de que non lles importan absolutamente nada os alumnos nin o sistema educativo. O seu único obxectivo é facer dano ao sistema, poñendo os seus intereses políticos por diante dos dereitos dos estudantes. É algo sen precedentes», di o departamento autonómico.
Agora, son as direccións dos centros as que teñen que optar ou ben por suspender a reunión, e deixar as notas para a volta de vacacións, ou ben facelas sen que acudan poucos ou moitos profesores. A CIG é o sindicato con maior representación na escola pública galega.
En principio, nos colexios e institutos non hai unha resposta unánime. Consultados diferentes equipos directivos, parece que a opinión xeral é seguir adiante: «Nós facémolo segundo o previsto —expresaba un director— porque as reunións de avaliación non son un órgano regrado e non necesitan quorum». Outro aseguraba que os claustros se reforzarán «co equipo directivo, sobre todo nos casos que falten os titores». Inspección permite que sexa a dirección dos centros a que determine como se fará a avaliación, porque, como lembra unha directiva dun instituto, «as datas de avaliacións están aprobadas polo claustro e o consello escolar» e «os pais teñen dereito a recibir información dos seus fillos nas datas acordadas». Desde San Caetano insístese en que «os equipos directivos contan con ferramentas e marxe de manobra para garantir a avaliación do alumnado sen que iso interfira no dereito constitucional á folga».
Outros centros optaron por pospor a avaliación para despois de Nadal, sen que iso teña máis repercusión nos alumnos e familias que tardar algo en ver as notas. Exames e probas xa remataron e o alumnado non necesita retomar a avaliación á volta.
E hai incluso institutos onde a avaliación xa se fixo. Son centros que axustan a entrega de cualificacións cunha repartición de tempo equilibrado ao longo do curso, e nese caso as notas saíron coa ponte de decembro.
Anpas Galegas, unha das dúas grandes agrupacións de familias da escola pública, secunda esta mobilización porque considera que é en beneficio dos seus fillos.
División na acción sindical
A acción sindical na escola pública galega está partida en dúas. Por unha banda, CIG e STEG están enfrontados frontalmente á consellería, á que esixen unha redución máis rápida das cocientes, a volta ao horario lectivo previo aos recortes do 2012, máis profesorado de apoio nos centros e outra serie de melloras para o profesorado. Por outra banda, está o resto de sindicatos (CC.OO., ANPE, UGT e desde a pasada semana CSIF) que en outubro do 2023, ás portas das eleccións galegas de febreiro do 2024, asinaron un acordo con Educación para abordar todas as melloras (horario lectivo, cocientes, profesorado de apoio e subida salarial) cun calendario de implantación que podería rematar na década do 2030, aínda que parece que haberá un empuxón nas datas.
CIG-Ensino e STEG entenden que os prazos e ofertas da consellería son inaceptables e estableceu un calendario de mobilizacións. En outubro houbo dous días de folga e agora haberaos de novo esta semana. A resposta dos profesores no paro de outubro non foi tan boa como agardaba a organización, que non quixo falar de cifras; a Xunta indicou que o paro foi seguido por menos do 15% do profesorado. O que si houbo foron manifestacións en diferentes puntos da comunidade. Entón, a CIG habilitou unha caixa de resistencia para os docentes, e así achegará entre 20 e 40 euros (segundo a antigüidade no sindicato) por xornada de folga a partir do terceiro día. Tamén organizaron as dúas centrais sindicais a pasada semana un peche na consellería, que durou poucas horas, xa que foron desaloxados pola policía.