Poñendo as bases para un novo curso

Antonio Leonardo Pastor PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE DIRECTORES DE COLEXIOS PÚBLICOS DÁ a CORUÑA

EDUCACIÓN

José Pardo

27 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O ensino non para, pasa o mesmo coa sociedade, no cabe dúbida de que nunha sociedade moderna o ensino ten que ir mirando á sociedade, atendendo ao que esta lle transmite, para desta forma axudar a ter unha sociedade mellor.

Rematando o presente curso escolar, compre facer un pequeno balance do que foi, no que entre outras cousas podemos salientar:

—Un aumento nas cantidades das axudas ás familias para libros e material escolar.

—Un aumento considerable de mestres para atender á diversidade e contribuír así a garantir a igualdade de oportunidades entre o alumnado.

—A continuidade e aumento de programas educativos como os contratos-programa, que se converteron nun apoio fundamental para os centros educativos galegos.

Hai un factor clave detonante da mellora do noso ensino, e non é outro que a comunicación. Para que exista unha evolución, a canle da comunicación é fundamental, o feito de ter uns órganos de participacións, ou comisións, fai que as distintas partes da comunidade educativa podámonos transmitir as nosas inquedanzas. E que, en consecuencia, a Administración artelle os cambios necesarios.

Xa temos con nós as instrucións para comezar a preparar un novo curso escolar. Unhas instrucións con novidades importantes, que sen dúbida algunha contribuirán a seguir nesta liña de mellora do ensino galego. Unha aposta clara polos valores que deben prevalecer na sociedade, de respecto e tolerancia cero contra a violencia, onde a figura do profesorado volta a ter unha relevancia significativa. Unhas instrucións sen ningunha marca ideolóxica, que garanten a pluralidade, promoven o pensamento crítico, respectan a liberdade individual e transmiten valores constitucionais. E unhas instrucións que fan fincapé na importancia que ten a lectura e a escritura para a aprendizaxe do noso alumnado, e marcar un tempo de lectura dentro do horario lectivo é un gran acerto.

Hai uns días eramos coñecedores do cambio que facía a Consellería de Educación no programa E-Dixgal, dando a facilidade aos centros e ás familias de convivir o dixital cos libros de texto; un acerto, seguindo co avance no campo da dixitalización no ensino. Coñecíamos que Galicia dotarase dunha lei de educación dixital para afrontar con seguridade os retos da transformación social e tecnolóxica, outro punto máis de referencia para outras comunidades autónomas.

Estamos a vivir, a nivel nacional, uns tempos difíciles, de «capitáns e corsarios», onde as malas novas se superan día tras día. Poder ler que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta segue a traballar con sentido común, a verdade é que dá tranquilidade para continuar contribuíndo na formación do noso alumnado.