Galicia reduce a taxa de repetidores a mínimos en todas as etapas educativas

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

EDUCACIÓN

CESAR QUIAN

É a cuarta comunidade con menor índice en Primaria e Bacharelato, e a sétima en Secundaria, nas  tres etapas por baixo da media

01 may 2024 . Actualizado á 17:00 h.

Galicia conseguiu reducir a taxa de repetidores a cifras mínimas en todas as etapas educativas, segundo informa a Xunta en base aos últimos datos do Ministerio de Educación correspondentes ao curso 2022-2023. A comunidade sitúase así por debaixo da media nacional tanto en Educación Primaria como en Secundaria e Bacharelato.

As cifras actuais son as mellores neste campo nos últimos seis anos, sen contar os cursos da pandemia, cando se flexibilizaron os criterios de promoción debido ao contexto sanitario. A evolución máis positiva rexístrase en Educación Primaria, cunha taxa de repetición do 0,7% de media en Galicia (fronte ao 1,1% estatal). Esta cifra supón unha baixada considerable respecto ao curso 2017/18, cando se rexistrou un 2,1% de repetidores. A redución da porcentaxe supón que Galicia pase a ser a cuarta comunidade con menor índice de alumnos que volven matricularse no mesmo curso, tras ocupar o posto décimo segundo no curso 2017/18. 

En Educación Secundaria tamén se observa unha redución significativa, cunha baixada de 3,7 puntos en seis os últimos seis anos. A taxa de repetidores pasou do 10,2% no curso 2017/2018 ao 6,5% en 2022/2023, por baixo da media estatal, do 7%. É a sétima comunidade nesta listaxe, fronte ao décimo de 2017, con Cataluña en primeiro lugar co 2,7%. 

En Bacharelato, a taxa de repetición en Galicia está no 4,4% fronte ao 5,9% de España, unha baixada de 3,6 puntos respecto ao 2017/2018. A pesar desta redución, a comunidade segue no cuarto posto en canto a menor porcentaxe de repetidores.

Competencias dixitais en FP

Máis de 12.000 alumnos de FP, ensinos profesionais de artes plásticas e deseño e ensinos de Educación Secundaria e Bacharelato para persoas adultas poderán acreditar as súas competencias dixitais desde o sistema educativo, segundo informa a Consellería de Educación. Este xoves publicará a resolución que permitirá aos titulado nos devanditos ensinos obter un certificado de iniciación ou intermedio de desempeño neste campo a partir deste mesmo curso.

Con esta convocatoria, a Xunta completa o proceso para acceder a estes certificados no sistema educativo, tras implantalo nos últimos meses para as etapas de ESO e Bacharelato e para o conxunto do profesorado.