«Causa impacto cun festival desta envergadura se faga nunha parroquia»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

VILA DE CRUCES

Cedida

Alumnos de distintas partes do mundo aprenderán dalgúns dos mellores

06 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Recoñece o presidente da Asociación Cultural Merza Brass, Javier Troitiño, que un festival da talla do Galaico Brass; que bota a andar dende este domingo e ata o vindeiro día 11, precisa de moitos meses de preparación. «Remata unha edición e xa comezamos a planificar a seguinte», asegura a tan só unhas horas de que entren en Merza (Vila de Cruces) os primeiros alumnos que asistirán ás clases de música de vento-metal dirixidas por profesores de renome. Un encontro de referencia tanto a nivel estatal como internacional que continúa impactando a alumnado e profesorado «por ser de tanta envergadura e facerse nunha parroquia, á que lle damos máis vida tanto a nivel económico como social, e para nós é un orgullo ensalzar o rural e explotalo aínda que as veces os recursos son limitados», apunta Troitiño.

O Galaico Brass Festival 2025 seguirá a planificación de edicións anteriores: clases de vento-metal diseminadas polas casas do pobo, e concertos pola noite no colexio da localidade. «O que fai peculiar e enxebre o festival é precisamente que as ensinanzas se fagan polas vivendas, e que te poidas encontrar con alumnos e profesores en calquera sitio», comenta o presidente de Merza Brass. Alumnado procedente nesta ocasión de Centro Europa, Chile, Venezuela e de toda España que tomarán parte nun curso intensivo, con clases individuais e grupais, obradoiros e masterclass que impartirá un destacado cadro de docentes; algúns que repiten experiencia en Merza e outros que chegan por primeira vez. A intención, engade Troitiño, «é que o cento de alumnos que asista ao curso teña a oportunidade de contar cun profesorado que non é alcanzable a primeira man». Así solistas internacionais como Ian Bousfield, Jeroen Berwaerts, Isobel Daws ou Adam Rapa ilustrarán aos chavales, ao igual que os integrantes de Boston Brass; un dos quintetos de metais máis recoñecido do mundo, cuxos profesionais se encargarán de impartir clases neste festival ao igual que músicos de orquestras europeas da talla de Marta Isabella Montes (trompa solista da Orquestra Sinfónica de Galicia), Iago Bernat (trompa solista da WDR Symphony Orchestra de Colonia) e Sergio Carolino (Orquestra Sinfónica do Porto).

Pero o Galaico Brass Festival tamén foi concebido como un escaparate musical de primeira orde cunha serie de concertos, cuxas entradas xa están á venda, e que están pensados para todo tipo de público.

Concertos que terán lugar todos os días no CEIP de Merza ás 22 horas, excepto o xoves que será ás 20.30 horas, e que abrirá este domingo o quinteto estadounidense Boston Brass. O grupo aragonés Artistas del Gremio actuará o luns mentres que Merza Brass ofrecerá unha Jam Session ao día seguinte, e a Banda Artística de Merza acompañada de solistas internacionais como Adam Rapa e Sergio Carolino encargaranse da actuación nocturna do mércores. O resto dos concertos correrán a cargo da Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Sebastian Zinca, cun programa que contará coa participación de solistas de renome como Marta Isabella Montes e Iago Bernat (trompas), Isobel Daws e Ian Bousfield (trombón) e Jeroen Berwaerts (trompeta). O programa estará formado por obras de Haydn, Rosetti, Rota e Gates. O Galaico Brass Ensemble, do que forman parte músicos da Banda Artística de Merza e profesores deste festival, serán os encargados de clausurar esta edición cun concerto especial co que se dará por pechada esta nova edición do festival, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Vila de Cruces na súa organización.