Morre en Silleda unha condutora de 82 anos tras saírse da vía

La Voz

SILLEDA

Miguel Souto

O accidente tivo lugar ás 18.20 horas desta tarde

05 nov 2025 . Actualizado á 21:26 h.

Unha muller de 82 anos, que conducía un turismo, morreu este mércores tras saírse da estrada e chocar contra o peto de ánimas situado xunto á entrada da igrexa de San Martiño de Negreiros, no municipio de Silleda. O 112 recibiu ás 18.20 horas unha chamada alertando do suceso e apuntando a posibilidade de que a condutora e única ocupante, que parecía estar atrapada no interior do coche, puidese morrer.

O accidente produciuse no punto quilométrico 1,5 da estrada EP-6504 que une Negreiros con Carboeiro. Ata o lugar desprazáronse efectivos do 061 de Urxencias Sanitarias, os Bombeiros do parque intercomarcal con base en Silleda, a Garda Civil de Tráfico e efectivos da Policía Local.

A muller, veciña da zona, dirixíase a Silleda. Como consecuencia do choque, a parte frontal do vehículo quedou esnaquizada, cunha das portas atrancada polo que foi necesaria a excarceración do corpo.

Barállase tamén a posibilidade de que a condutora sufrise algunha indisposición mentres ía ao volante. O turismo saíuse da pista percorrendo uns 50 metros ata chocar na zona de entrada ao recinto onde se atopa o templo.