A entrega de galardóns terá lugar o día 23 nun acto no consistorio
19 dic 2025 . Actualizado á 12:45 h.A deportista lalinense Tamara Seijas foi elixida Lalinense do Ano, un premio que na categoría a toda unha vida recaeu na Banda de Música Popular de Muimenta que este 2025 cumpriu nin máis nin menos que 150 anos de historia sendo a formación decana do municipio lalinense e unha das máis veteranas de Galicia.
A decisión, como todos os anos, foi adoptada por un xurado composto por ao redor dunha trintena de persoas entre as que se atopaba unha ampla representación dos colectivos culturais, deportivos, sociais, empresariais do municipio, así como os dos diferentes medios de comunicación. A decisión foi adoptada nunha reunión celebrada no consistorio lalinenses ás 20.30 horas do mércores.
No caso de Tamara Seijas, o premio tivo en conta os éxitos deportivos autonómicos e nacionais acadados pola ciclista lalinense. Entre eles, a consecución do segundo posto na Copa de España XC Maratón co Supermercados Froiz no seu segundo ano competindo en ciclismo de montaña. A Banda de Muimenta nacía en Lalín nun afastado 1875 que celebrou este ano o seu 150 aniversario cun amplo programa de actividades.
Os premios Lalinenses do Amo serán entregados este próximo día 23, nun acto que terá lugar no vestíbulo do consistorio de Lalín e que contará tamén cun pequeno concerto dos músicos da Banda de Muimenta.
«Faime moitísima ilusión que llo desen ao meu pai e agora a min, gustáseme que puidese estar»
Tamara Seijas (Lalín, 1998) empezou no mundo do deporte xogando ao balonmán en Lalín onde xa despuntou e competindo desde os 10 anos e non fai nada se pasou ao ciclismo pechando un ano de éxitos tras éxitos. En outubro proclamábase subcampioa da Copa España XC Maratón e en xuño co RG Bikes Scott Team gañaba o campionato galego de contrarreloxo, no que foi a súa cuarta camisola de campioa no que ía de tempada despois dos cultivados na copa, o campionato de resistencia e na Transgalaica. Onte explicaba que ao que máis valor dáballe era ao feito de que «no 2022 déronllo ao meu pai e agora danmo a min, que aínda son unha nena e faime moitísima ilusión. Paréceme incrible que mo dean a min. Gustaríame que estivese o, pero para min é o máis importante». O ano que vén seguirá na bicicleta pero cambiará a un club de fóra de Galicia para centrarse na bicicleta de estrada. Onte contaba que «deixei o balonmán hai un ano, que non é nada, déuseme pola bicicleta, unha cousa levou á outra e agora estou co vicio no corpo gozando. O resumo deste ano é só agradecemento. Non me agardaba nada do que está a pasar e vou ir a por todas na estrada».
«Na nosa banda sempre houbo moito compañeirismo entre todos e moi boa xente»
A Banda de Muimenta recibiu con alegría a noticia do galardón que chega nun ano moi especial para a formación musical. Antonio Prieto, o presidente da agrupación, comentaba onte que aínda que recoller o premio vai tocar a eles «antes de nos pasaron moitísimos pola banda. Eu estiven facendo un reconto e desde que empecei eu na banda alá polo 1972 xa van alá 60 e para atrás tranquilamente xa morreron 150 ou 200 músicos porque son moitos anos e a xente daquela, moita empezaba xa de maior a tocar».
Lembraba onte que na festa do socios «aínda se entregaron diplomas a 40 ou 50 e aínda temos algúns para entregar que están fora de Galicia e hai sobre 100 ou 105 que foron músicos e aínda viven pero por distintas circunstancias non poden tocar». Prieto pon en valor o traballo altruísta dos músicos que integran e integraron a banda, «unha labor de emoción que fas porque che gusta. Cando íamos a tocar moitas veces xuntabamonos 10 ou 12 despois de comer e si había mozas empezabas a tocar as veces eses momentos os gozabas máis que cando tocabas de xeito máis formal que é outra cousa».
E é que, resalta o presidente da asociación, «na nosa banda, non é porque eu toque nela, hai moi bo compañeirismo, sempre o houbo, sempre houbo xente maior, mediana, rapaces, hoxe aínda hai máis xuventude pero quedamos aínda xente maior e senón houbera ese bo compañeirismo igual que habías arrancado. Dicía un director da Coruña que é mellor ter máis malos músicos, pero boa xente, e é verdade. E nos temos moi boa xente. Non soara tan ben un instrumento, pero é boa xente e non te das despedido dela. As cousas fanse de corazón». Iso non quita o talento dos músicos que integran a formación que reciben con este galardón o cariño dos de casa. A banda sumará un novo galardón que colocarán no seu auditorio.
O día 20, ás 20.00 horas, precisamente no Auditorio de Muimenta, darán un Concerto de Nadal que contará coa actuación de Rebeca Santos e a colaboración da Banda Xuvenil e o Coro da Escola de Música. A banda conta na actualidade cuns 50 músicos de entre 86 e 10 anos e a agrupación suma ao redor duns 200 socios.