Festa musical de Fin de Ano e Véspera de Reis en Lalín

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rocío Ramos

Celebrarase nunha carpa calefactada na Praza Europa

19 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Os concelleiros Begoña Blanco e José Cuñarro presentaron onte en Lalín xunto con Jorge Silva Pereiras de Eventos Piñeiro e Troula a programación da celebración Nadal Lalín que consiste nunha festa de fin de ano e outra que terá lugar a véspera de Reis. Dúas citas musicais amenizadas coas actuacións de orquestras e Dj. O escenario das dúas citas será a Praza Europa onde se colocará unha carpa calefactada que contará con servizo de bar .

A noite do día 31, a festa de Fin de Ano, comeza ás 1.00 horas do que xa será o primeiro día do ano 2026 coas actuacións da orquestra A Oca Band e o DJ Marcos Fernández. No caso do 5 de xaneiro, o inicio da celebración está fixada para as 23.00 horas pero, apuntaba onte Jorge Silva, é posible que se adiante un pouco. O cartel, neste caso, inclúe as actuacións da orquestra Marbella e o DJ Marcos Kintana.

Os edís explicaron onte que a proposta partiu deste empresario. Tanto Branco como Cuñarro ven ambas as citas como unha oportunidade de ofrecer tanto a veciños como visitantes a posibilidade de gozar da música nunhas festas do Nadal nas que a capital dezana está a atraer a numerosas persoas atraídas polas Aldeas de Nadal.

En canto á Praza Europa, incidiron en que na elección se tivo en conta que se trata dun espazo céntrico, que dispón de espazo suficiente para instalar a carpa e a vantaxe, en caso de mal tempo, de poder dispor do aparcadoiro, así como a proximidade da zona cos pubs da localidade..

O Concello achega ao evento a instalación da carpa facilitando tamén un xerador. Edís e organizador animaron a veciños e a visitantes a gozar destas dúas festas que completan a programación do Nadal, neste caso en horario nocturno.