Un repaso en imaxes aos 150 anos da Banda de Muimenta

d. c. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

A mostra fotográfica inaugúrase o día 28 en Lalín

24 ago 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Este 2025 a Banda de Música Popular de Muimenta celebra o seu 150 aniversario. Unha efeméride que o Concello de Lalín quere enxalzar a través dunha mostra fotográfica que repase a lonxeva traxectoria dunha das formacións con máis soleira da comarca dezana. Esta exposición inaugurarase o vindeiro xoves 28 de agosto a partir das 20.00 horas no auditorio municipal de Lalín.

A montaxe da mostra de imaxes comezou esta semana. Unha selección de instantánea de diferentes épocas que mostran a evolución da formación lalinense, a decana do municipio e unha das máis lonxevas de Galicia.

Fotos desde 1930

A concelleira de Cultura, Begoña Blanco, animou a todos os veciños a participar no acto inaugural, especialmente aos residentes na área parroquia da Balouta. A edila explicou que a exposición recolle fotografías desde 1930 ata a actualidade. Ademais, avanzou que poderá visitar ata finais de outubro.

Como é lóxico, non contan con fotografías dos tempos pretéritos da agrupación, pero iso non quere dicir que non conten con material antigo. «Malia non haber fotos dos anos inciais, compre destacar que se trata dunha mostra de gran valor simbólico para esta banda, para a parroquia de Muimenta e tamén para o noso municipio», declarou.

Finalmente, a concelleira de Cultura Begoña Blanco remarcou que na inauguración está prevista a intervención do equipo directivo da agrupación musical. Así mesmo, a intención do Concello é reunir no auditorio ao músico de máis idade da formación e ao director actual da banda.