Forcarei construirá un miradoiro sobre a fervenza coñecida como Freixa de Chamosa

FORCAREI

A actuación mellorará os accesos e permitirá gozar sen riscos dunha vista panorámica do salto de auga
13 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.O Concello de Forcarei construirá un miradoiro sobre a Freixa de Chamosa e acondicionará os accesos para mellorar esta área natural que constitúe un dos recursos turísticos con máis potencial do municipio. O Concello logrou unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia para poder levalo a cabo. Trátase dunha achega a través dunha liña de axuda a concellos de ata 10.000 habitantes para actuacións e mellora das infraestruturas turísticas e ascende a 29.956,35 euros, o 100% do importe solicitado.
Na actualidade, o acceso á freixa realízase principalmente desde o lugar de Chamosa, onde unha frecha indica o camiño para seguir pero non existe ningún panel informativo. A partir do Rego de Sorribas hai varios muíños restaurados pero comeza un carreiro en pendente con moita vexetación polo que resulta difícil avanzar cara á fervenza. Ademais, non existe ningunha infraestrutura desde a que se poida apreciar o salto de auga e os visitante desprázanse por unha zona esvaradía e con desniveis que pode resultar perigosa.
Os traballos proxectados permitirán solucionar estes problemas, mellorando a accesibilidade e a seguridade. As obras abarcan a construción do miradoiro, a instalación de paneis interpretativos, a mellora dos accesos á fervenza e a roza e limpeza do camiño. Inclúese ademais o acondicionamento de varias zonas do carreiro mediante a instalación de infraestruturas de madeira tratada, con pasarelas e escaleiras.
O miradoiro sitúase ao lado do camiño e contará cun banco e unha mesa interpretativa. Consistirá nunha plataforma de madeira tratada de aproximadamente cinco metros de longo por dous de ancho, cun pequeno balcón que voará lixeiramente cara adiante e cunha mesa interpretativa que fará referencia aos elementos de interese presentes na contorna. No inicio do traxecto, no lugar de Chamosa, instalarase outro panel informativo coas características do trazado e información sobre a fervenza e a contorna.
Finalmente, para mellorar o firme do camiño realizarase unha roza completa do carreiro de pescadores, nun franxa variable de entre dúas e catro metros e nivelarase o terreo nun ancho mínimo dun metro.