A firma Docampo de Forcarei entrou en concurso de acredores

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos A ESTRADA / LA VOZ

FORCAREI

MIGUEL SOUTO

O Xulgado nomeou administrador e abre o prazo de comunicación de créditos

22 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A empresa José Luis Docampo S. L. con sede no parque empresarial David Raposeiras de Forcarei entrou en concurso de acredores. Así se recollía nun edicto do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra que onte se publicaba no Boletín Oficial do Estado. Por medio dun auto ditábase a declaración de concurso voluntario da firma dedicada á produción e venda de pan tostado.

Desde o xulgado faise un chamamento aos acredores para que comuniquen á administración concursal designada a existencia de créditos. Para eles dispoñen dun prazo dun mes a partir da última data de publicación deste edicto no Boletín Oficial do Estado. O Mercantil acordou ademais a suspensión das facultades de Administración que pasan a ser exercidas pola administración concursal. Neste caso, o xulgado designou para tal fin a PKF Attest Concursal con sede en Madrid. Os acredores poden comunicar as súas débedas chamando por teléfono a esta empresa ou a través do correo electrónico concursojoseluisdocampo@pkf-attest.es.

Co edicto xudicial dáse un paso máis despois do peche da factoría. O pasado 1 de decembro, a empresa había xa entrado en preconcurso e o día 31, coa despedida do ano, a produción quedou paralizada por completo. En marzo, o avogado da empresa, Javier González, da firma viguesa de asesores legais e económicos Lener, sinalaba que o forte investimento inicial e a carga financeira foran dúas das principais cuestións que levaron á empresa á quebra xusto cando o negocio avanzaba no seu mellor momento. Unha situación na que, apuntaba, tivera tamén moito que ver a pandemia e a guerra de Ucraína co incremento das materias primas, que dicía, non se puideron repercutir no cliente.

A firma contaba cun persoal de 55 traballadores. O 5 de marzo a empresa forcaricense asinaba un ERE extintivo para o medio centenar de traballadores que integraban o persoal, deixando neses momentos operativos e en activo un par de persoas de oficina e mantemento que, apuntábase naquel entón desde a factoría, estaba previsto que se mantivesen nos seus postos uns meses, durante o desenvolvemento do concurso de acredores. A nave foi estreada hai unha década e fora equipada coa última tecnoloxía. A planta de Pan Tostado Docampo abriu a súa planta de produción no 2014. Contaba con dúas certificacións de calidade e no 2021 producía dous millóns de rebanas ao día.