O BNG de Agolada propón un programa de pastoreo preventivo

La Voz LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

O BNG de Agolada presentou unha moción para o seu debate no próximo pleno solicitando a creación dun programa municipal de pastoreo preventivo e silvopastoreo. Unha iniciativa coa que queren axudar na prevención de incendios, a recuperación de terras e, ao mesmo tempo, xerar emprego.

O portavoz municipal, Susana Tato, explica que a iniciativa está pensada para que as asociacións veciñais, comunidades de montes ou outras entidades locais por si mesmas, ou en colaboración con explotacións gandeiras, poidan impulsar proxectos para agrupar parcelas e mantelas mediante cabras, ovellas, cabalos ou gando vacún. Propón ao concello que destine unha partida de 20.000 euros para esta iniciativa. Os proxectos, di, seleccionaríanse mediante concorrencia competitiva valorando especialmente a superficie recuperada.

Trátase dunha proposta, explica, que toma como referencia experiencias como Ou que non arde da Deputación de Lugo, adaptándoas á realidade de Agolada. Defende que se pode xerar riqueza no territorio e oportunidades «aproveitando os recursos que temos: terra, gando, coñecemento e persoas». Na moción destaca que 130 das 274 empresas con sede social en Agolada no ano 2024 pertencían «á agricultura e pesca, máis do 47 % do tecido empresarial municipal».

A proposta nacionalistas inclúe tamén formación e asesoramento para a transformación e comercialización dos produtos derivados da actividade gandeira como queixos, carne ou produtos lácteos e suxiren unha experiencia piloto.