Visitan lagares da cornixa cantábrica para aprender da súa experiencia
15 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.Optimizar as producións, coñecer as novas tendencias na elaboración de sidras e profundar no aproveitamento da vertente turística da sidricultura. Son os tres eixos que están a marcar a viaxe de transferencia tecnolóxica que integrantes do sector estradense están a realizar estes días por Asturias, Cantabria e País Vasco da man da asociación Maceira e Sidra. O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e o edil de Promoción Económica, Óscar Durán, incorporáronse este xoves á delegación estradense nunha experiencia apoiada pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.
O primeiro alto no camiño foi a Sidraría Castañón, onde os participantes puideron valorar a produción, recollida, lavado e procesado das mazás para a elaboración da sidra con maquinaria de última xeración. «Estamos vendo cara onde van os novos tempos na elaboración da sidra. Ata o de agora producíanse todas xuntas, recollíanse, prensábanse e facíase todo en conxunto. Agora a tendencia é producilas monovarietais e despois combinalas en cuba», sinalou o técnico da asociación Maceira e Sidra, Miguel Soto.
A continuación, os participantes visitaron a explotación Gallinal, preto de Xixón, vendo primeiramente o funcionamento da última tecnoloxía en maquinaria adaptada á recollida da mazá e, despois, novos sistemas de plantación. Estas dúas cuestións enténdense como unha alternativa moi asumible para moitas leiras da Estrada dedicadas á produción de mazá.
«A tendencia é apostar polo eixo vertical, con plantacións de alta densidade, que son máis fáciles de mecanizar e que xeran unha maior produción», sinalou Soto.
«A mecanización da recollida da mazá é o futuro, primeiramente porque temos o problema da man de obra e porque mecanizar abarata moito os custes», explicou o produtor estradense Juan Moimenta. «Nós dende que empezamos apostamos pola mecanización, de xeito que somos tres persoas nada máis e movemos sobre 100.000 quilos nun mes en tempada boa, cousa que sería inviable doutro xeito», engadiu.
«Chamounos moito a atención o marco de plantación e os patróns que se están empregando. Nós estamos traballando con todo en base ao que se plantou no ano 2000, con marcos de 6 x 3 case todo, e aquí se está apostando por un modelo moito máis intensivo pero que consegue unha produción moito máis regular, porque nós temos o problema da alternancia das árbores. Co modelo que están ensaiando aquí parece que a alternancia é moito menor», explicou Moimenta.
O alcalde compartiu cos representantes do sector as visitas do xoves e o venres, que continuaron por Renedo de Piélagos (Cantabria), cun percorrido pola Sidraría Somarroza que permitiu aos participantes analizar a limpeza de maleza e a fertilización con ovellas, pavos e outro tipo de gando.
«Queremos aprender dos que saben porque teñen moi fonda traxectoria. A Ruta da Sidra seguro que nos vai dar moitas alegrías no noso concello pero tamén tiñamos que ver como se está explotando a vertente turística da sidra en territorios tan importantes para a sidra como Asturias, Cantabria e País Vasco», dixo Louzao. «Aprender dos mellores é fundamental para que A Estrada continúe a súa consolidación como capital galega da sidricultura e siga medrando como referente no noroeste peninsular», engadiu o alcalde.