Covsa executará melloras en vías de 20 parroquias

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

30 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A xunta de goberno local da Estrada acordou na sesión deste luns adxudicar á firma Construcións, Obras e Viais S.A. (Covsa) as obras de conservación e de pavimentación de vías e camiños rurais dunha vintena de parroquias estradenses, dentro do plan de acción recentemente anunciado polo goberno local, con máis de dous millóns de euros en obras. Nel inclúense asfaltados do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra (convocatorias 2024 e 2025), do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) e do Plan de Infraestruturas Rurais (PDI), os dous últimos dependentes da Xunta. As obras adxudicadas están orzadas nuns 800.000 euros.

En concreto, o goberno abordou na súa sesión deste luns dous programas de obras. Un deles correspóndese cunha fase do plan de pavimentacións que contempla obras en 15 vías de 11 parroquias, cun presuposto asociado de 600.000 euros. Inclúe actuacións en Couso (Souto de Vea), Cora (Carbia), Santa Cristina de Vea (A Costa-Tarrío-Sorribas-Igrexa), Santeles (Cruxeira, Pearo e Santeles de Abaixo), Berres (Servide), Orazo (Barro, Castrovite-Dornelas), Frades (Requián a Vilariño), Moreira (A Pía e Acceso Igrexa desde a estrada provincial), Matalobos (Matalobos), Vinseiro (Freán) e Liripio (Igrexa).

Ao proceso de licitación para estas obras presentáronse cinco empresas, obtendo Covsa a máxima puntuación. Os traballos incluídos no proxecto fíxanse para un prazo de execución de catro meses.

Por outra banda, o goberno local tamén deu luz verde á proposta da mesa de contratación de adxudicar, tamén á firma Covsa, o contrato para a conservación de camiños rurais, financiados de igual forma co plan provincial +Provincia.

As actuacións consisten neste caso na limpeza de cunetas, refino, planeo e compactación da caixa do camiño e, nalgúns casos, pavimentacións con saburra.

Este plan, cun presuposto próximo aos 200.000 euros, inclúe obras en 13 camiños doutras tantas parroquias. É o caso de Couso (Couso), Cora (Vilacriste), San Xurxo de Vea (Guntín), Santeles (Santeles), Paradela (Aldea Grande), Riobó (Barcia e A Pena), Frades (Subión e Chaín), Barbude (Trasmonte), Rubín (Birbigueira), Guimarei (Guimarei), Lamas (Ou Rodo), Vinseiro (Freán e A Pena) e Codeseda (A Bugalleira). Para executar as melloras presentáronse ao proceso de licitación catro empresas, resultando Covsa a mellor puntuada. O prazo de execución é, tamén neste caso, de catro meses.