O tradicional concerto de Nadal da formación, do 25 de decembro, reunirá a máis dun cento de participantes
19 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Arranca a conta atrás para a gran cita de Nadal da Banda de Música de Vilatuxe (Lalín), que terá lugar como xa é tradición o vindeiro 25 de decembro, no Lalín Arena. Con guión e arranxos do director da formación bandística Víctor Vilariño, nesta ocasión a agrupación e os membros da escola de música escenificarán o conto de Peter Pan, do dramaturgo escocés James Matthew Barrie, «unha historia fácil de entender e que chegue a toda a xente», explica Vilariño.
O director comezou no pasado setembro o deseño deste espectáculo de gran formato para o que se colgou o cartel de completo. «Esgotamos as 900 entradas que tiñamos á venda en 5 días, e agora estamos estudando a posibilidade de habilitar outras 300 prazas nas bancadas laterais do Lalín Arena naqueles sitios que sexan os máis axeitados para que se poida ver e seguir o mellor posible o concerto. Dicir que cobramos as entradas para sufragar o custo deste gran espectáculo, que supón un desembolso importante. Non se trata de facer ningún tipo de caixa. É só para cubrir os gastos», puntualiza o director da banda.
Unha historia para o concerto especial de Nadal que busca chegar ao público a través dun conto coñecido, como será de novo a ocasión, co protagonismo para todos os personaxes de Peter Pan pero moi especialmente na figura de Wendy; «haberá dúas, unha maior que será a que relate a historia da Wendy pequena, e ata aí podo ler», sentencia Vilariño.
Non faltarán un ano máis un grupo de actores convidados: caso de Cristina Collazo, María Domínguez, Fran Lareu e Martiño Mato, que encarnará ao Capitán Garfio. Máis dun cento de participantes para dar vida a un dos contos máis populares no que os membros da Escola da Música de Vilatuxe tamén cobrarán un gran protagonismo, segundo avanza Víctor Vilariño. «Intento involucrar aos rapaces da escola e xa en edicións anteriores participaban, pero nesta ocasión actuarán ao longo de toda a obra facendo de nenos perdidos».
Decorados de grandes dimensións elaborados concienzudamente por membros da propia formación bandística lalinense e ensaios por grupos desde meses atrás á espera de ensamblar á perfección todo o traballado ata a data de cara á noite do próximo 25 de decembro, cun espectáculo que comezará ás 20 horas.
Pero antes queda, comenta o director da banda de Vilatuxe, levar a cabo os últimos ensaios previos ao gran día do espectáculo. «Temos previsto facer o vindeiro luns un ensaio previo para controlar que funciona perfectamente o son e a iluminación no interior do Lalín Arena, e logo e para o martes está fixado o ensaio xeral coa totalidade dos participantes que serán entre 120 e 140 persoas».