O sector inmobiliario repuntó no terceiro trimestre do ano

j. b. LALÍN / LA VOZ

DEZA

rober amado

Nas comarcas vendéronse 163 vivendas de xullo a setembro, por só 152 entre abril e xuño

17 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O sector inmobiliario repuntó en Deza e Tabeirós-Terra de montes durante o terceiro trimestre do ano. Entre xullo e setembro creceron as transaccións tanto fronte a ese período do 2024, con 163 fronte a 122, como sobre o segundo trimestre do 2025, cando foron 152. De novo a maioría corresponderon a vivenda de segunda man, con só 18 novas, primordialmente polas quince computadas na Estrada. Precisamente este municipio liderou o número de venda de pisos ou casas, con medio centenar.

Por concellos, despois das 50 transaccións inmobiliarias estradenses no terceiro trimestre, unha máis que no segundo, situouse Lalín con 42, tres menos nesa mesma comparativa. En Silleda subiuse de 18 a 24, destacando tamén o incremento en Vila de Cruzamentos, con 20 no terceiro trimestre por só 8 do segundo. A máis distancia sitúanse as 8 de Cerdedo-Cotobade que baixou de 11 previas, mentres en Forcarei tamén houbo descenso, de 8 a 7, repetindo Agolada con 5 tanto no segundo como terceiro trimestre. Para rematar, a caída foi significativa en Rodeiro, con só 2 vivendas vendidas de xullo a setembro, 8 no período anterior, e ningunha en Dozón.

A práctica totalidade das transaccións inmobiliarias na zona no terceiro trimestre, como adoita ocorrer en calquera período do ano, corresponde a vivenda libre. Apenas hai promoción pública e así só se computaron nese período 7, con 6 na Estrada e unha en Silleda, fronte ás 11 do segundo trimestre, con 10 no municipio estradense e unha no trasdezano.

Segunda man case todo

En canto a vivenda de segunda man, a repartición de transaccións por municipios foi: Lalín con 41; A Estrada; Silleda, 25; Vila de Cruzamentos, 20; Forcarei, 7; Cerdedo-Cotobade, 7; Agolada, 5; Rodeiro, 1; e Dozón, cero. Mentres, as vendas de vivendas novas, nas comarcas só houbo 15 na Estrada, así como unha tanto en Lalín como en Rodeiro e Cerdedo-Cotobade, sen ningunha nos outros cinco municipios.