Agradecemento da familia de Clotilde á colaboración veciñal

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

16 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.

O marido de Clotilde Teixeira expresaba onte no seu nome e no da súa familia o seu profundo agradecemento a todos os veciños que se envorcaron desde a desaparición da súa muller e colaboraron nos labores de procura. Uns operativos que desgraciadamente non tiveron o éxito desexado e que se pechaban cun tráxico desenlace e o achado do seu cadáver na tarde do domingo na zona dAs Queimadas, nunha zona periurbana da localidade lalinense. A pesar de resultar infrutuosos, o marido de Clotilde destacaba a axuda brindada por «todo o pobo» que se envorcou e saíu á rúa desde o primeiro momento para poñerse ao dispor das forzas de seguridade no que fose necesario. O mesmo fixeron numerosos colectivos, entre eles, o de cazadores, que foron os que a atoparon o domingo.

O achado produciuse case un mes despois da desaparición da muller o 17 de novembro. Foron semanas dunha terrible angustia para a familia, que onte pedía aos veciños que respectasen a súa dor e a súa intimidade. O seu marido apuntaba o dano que lles estaban causando os comentarios que ían lendo nas redes sociais sobre o caso e pedía que «non nos fagan máis dano». O seu consolo era, polo menos, dar coa súa muller e poder darlle sepultura. Por desexo da familia e a pedimento dos seus irmáns, ao que accedeu o seu marido, Clotilde descansará na súa casa, na súa localidade natal de Portugal, onde se celebrará o seu funeral.