Eladio Cuíña e Jesús Cuñarro ingresan na Orde da Amizade xunto a outros oito cabaleiros e damas
DEZA
As irmáns Sonsoles e Cristina Ónega foron distinguidas tamén como comendadoras da Orde e damas de Asociación de Amigos da Boina
09 nov 2025 . Actualizado á 05:00 h.Eladio Cuíña Crespo, licenciado en Ciencias Económicas e director xeral e cofundador da empresa lalinense Inasus, e Jesús López Cuñarro, o xefe da Policía LKocal de Lalín, xubilado, xunto a outras oito personalidades civís e militares de diversos puntos de España, ingresaron como damas e cabaleiros de «La muy serena y muy noble Orden de la Amistad», que celebrou o seu Capítulo Anual número 99, o pasado xoves en Madrid, onde ten a súa sede social. As distincións, consistentes nunha insignia en prata co logotipo da Orden e un exemplar dos estatutos da mesma, forónlles entregadas polo mestre presidente da asociación, Arturo Espejo Valero, o secretario Pedro Sanz Bachiller, e varios directivos, entre eles o coñecido xornalista Rodrigo Ramos, delegado da RTVG e presidente da Casa de Galicia en Madrid, ataviados todos eles coas capas negras, que son a indumentaria que os distingue.
O empresario lalinense Eladio Cuíña non puido estar presente por un imprevisto de última hora, polo que o fotoxornalista Manolo Seixas, tamén membro desta orde, quedou encargado de facerlle entrega das distincións posteriormente en Lalín.
No mesmo acto, as irmáns Sonsoles e Cristina Ónega, ben coñecidas xornalistas e comunicadoras, foron distinguidas como comendadoras da Orden de la Amistad, cunha placa de prata, en recoñecemento «ao seu labor profesional e persoal a prol do fortalecemento dos lazos humanos e a difusión dos valores positivos a través dos medios de comunicación».
Previamente as irmáns Ónega Salcedo foron nomeadas membros da Asociación de Amigos da Boina, colectivo fundando en Lalín vai para tres anos, onde tamén ten a súa sede social, encargándose de poñerlles a típica prenda os directivos Antón Alonso e Manuel Seixas, coa axuda do membro desta asociación dezá, Xesús Palmoú Lorenzo, que lles fixo entrega de senllos diplomas acreditativos. Rematados o actos do protocolo houbo un xantar de confraternidade con notable asistencia de personalidades e membros de ambas asociación.
Cabe sinalar que as xornalista Sónsoles Ónega, foi pregoeira da 52ª da Feira do Cocido, da que é comendadora ao igual que o seu pai, Fernando Ónega, que a maiores é fillo adoptivo de Lalín, sendo moi notable a presenza de dezaos entre os membros da Orden de la Amistad, entre eles o párroco lalinense, Marcos Torres, recentemente nomeado, e maioritaria na Asociación de Amigos da Boina, ccon sede en Lalín, celebrando as dúas primeiras convocatorias anuais en Silleda e xa prepara a terceira para o próximo día 15, en terras de Chantada.