A comunidade de montes de Bermés e a de Rebordelo, nun atlas de boas prácticas

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

22 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Dúas comunidades de montes da zona: a de Bermés en Lalín e a de Rebordelo, en Cercedo-Cotobade, figuran no atlas de áreas conservadas por comunidades locais que recolle boas prácticas en materia de conservación da biodiversidade e prevención dos incendios forestais. A publicación atópase na páxina web do proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC).

A publicación foi coordinada pola Fundación Montescola e pode consultarse xa na páxina web do proxecto. Está previsto que se presente publicamente o 31 de outubro mediante un seminario en liña, a través da canle de Youtube do proxecto CAPRIF-CC. Nel está prevista a intervención dos representantes dunha ducia de comunidades de montes. Neste caso serán as de Baroña, Coruxo, Couso, Esteiro, Froxán, Meira, Reboredo, Río Caldo, Taragoña, Teis, Vila de Suso e Vincios.

No atlas son un total de 33 as comunidades de montes das catro provincias galegas que expoñen as súas boas prácticas en materia de conservación do monte e na prevención dos incendios forestais. Todas elas suman unha superficie de monte que abarca preto de 19.000 hectáreas.

Na provincia de Pontevedra, as que forman parte desta iniciativa son 11 de oito concellos. Son 9 da Coruña e 9 de Lugo e 4 da provincia de Ourense. A publicación do atlas forma parte das liñas de traballo do proxecto CAPRIF-CC impulsado pola Fundación Juana de la Vega, a Fundación centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, A Fundación Montescola e a Asociación Galega de Custodia do Territorio.