Un día máis en Lalín, unha vila na que sempre me sinto como na miña casa. Unha casa na que pasei cinco anos inesquecibles da miña primeira xuventude e da que conservo grandes recordos e grandes amigos.
Nesta ocasión, acudín a Lalín, a homenaxe a un lalinense de prestixio. Un xurista e galeguista que, dende a súa notaria, empurrou, como poucos, o uso da nosa linga nos ámbitos forense e da fe pública.
Coñecín a Victorino Gutiérrez Aller, Coco para os amigos, cando eu estudaba alí no Instituto, pero tiven a sorte de tratalo, anos máis tarde cando, sendo Deputado no Parlamento de Galicia, coordinaba o relatorio (ponencia), que elaboraría o texto da Primeira Lei do Dereito Civil de Galicia, aprobada polo Parlamento no ano 1995 e que contén importantes aportacións de Coco e de outros espertos na materia.
Aí amosou o gran coñecemento que do noso Dereito Civil consuetudinario tiña Victorino, pero tamén a súa sempre boa disposición para analizar outras propostas e a súa flexibilidade para acollelas, en ánimo dunha convinte unanimidade na aprobación diste primeiro texto.
Así acontece cando, durante o debate parlamentario, se plantexa unha proposta doutro ilustre xurista, tamén colaborador na elaboración do texto, chamado José Antonio García Caridad. O ex- maxistrado, ex-vocal do Consello Xeral do Poder Xudicial, ex-presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e, entón, presidente da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, propón, de xeito inflexible, que na prelación de fontes no noso Dereito Civil, o costume prevaleza sobre a Lei do Parlamento, proposta que asumen algúns dos integrantes do relatorio, á que eu poño importantes reparos e que Victorino considera, tecnicamente, pouco consistente.
A vista da discrepancia que poñía en dúbida a unanimidade na consecución do texto da futura lei, Victorino chámame á súa residencia de verán en San Vicente do Mar para falar do tema. Despois dunha longa e amigable conversa, chegamos á conclusión de que o consenso e a unanimidade, no que sería o primeiro texto elaborado e aprobado polo Parlamento Galego, aconsellaban que cedésemos nós e aceptásemos a proposta de García Caridad, coa idea de, nunha próxima reforma, alterar esa prelación. Así foi, a Lei aprobouse por unanimidade, e dez anos máis tarde, cando se estuda a reforma, na que eu novamente son membro do relatorio, tivemos unha nova conversa que rematou cas seguintes verbas do meu interlocutor: «Agora non pode haber marcha atrás».
Así era Victorino: gran xurista, galeguista, dialogante e gran persoa.