A estradense Andrea González estrea no Festival de Lugo a obra teatral «Deixando a pel»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Cedida

Nela abórdase o amor, a mocidade e a disforia de xénero

14 abr 2024 . Actualizado á 05:00 h.

A estradense Andrea González dirixe a obra Deixando a pel que representa a compaña de Teatro da USC en Lugo. A representación forma estréase este martes, ás 20.30 horas, no Auditorio Gustavo Freire da capital no marco do 30 Festival de Teatro Universitario. A directora estradense destaca que «fago teatro buscando xerar un impacto no espectador». Neste caso a obra fálase de mocidade, o suicidio adolescente, o amor, disforia de xénero e crítica social. Trátase, apunta de dar resposta ás preguntas que se pode facer a sociedade.

Son obras, apunta, «de teatro físico e intentamos non elixir os temas, senón que porqué se necesita esta obra agora? e en función diso empezar a facer a engrenaxe da dramaturxia». Este ano buscou mesturar temas da actualidade con obras clásicas porque «creo que temos un gran repertorio de obras clásicas que sería unha pena que se perdesen, e o que hai que facer é incluílas porque os problemas do século XV seguen sendo os mesmos».

Deixando a pel parte do personaxe de Segismundo, dA vida é soño de Calderón da Barca. Andrea González explica que «extraemos o personaxe de Segismundo e a súa problemática de estar encerrado na torre, nunha prisión, de ter un rexeitamento por parte da sociedade, dos amigos que lle xulgan e dinlle que é un monstro e que lle negan calquera tipo de dereito e mesturamos esa historia con disforia de xénero, frustración e fomos facendo a dramaturxia». A obra mestura danza, teatro, imaxe, coidamos moito as luces, as cores, as estéticas e o argumento».

A compaña está formada por oito persoas: sete actrices e a directora. O elenco intégrano: Andrea Maseda, Mohja Bouferma, Anna Aycoberry, Camila Besuschio, Ana Paz, Aitana López e Alba Giráldez. As sete son estudantes da universidade de diferentes facultades entre elas estudantes do grao de Xestión Cultural,. Humanidades, Nutrición ou Veterinaria, entre outras.

A aula de teatro que dirixe ten un período de formación, que abarca de outubro a xaneiro, e esta aberto ás persoas que queiran sumarse, sexan ou non universitarios. Tras esa formación elíxese o grupo que constitúe a compaña. A obra será representada tamén nunha función dirixida aos estudantes dos institutos que terá lugar o día 17. O obxectivo é, apunta Andrea González «remover a través da arte, cremos que a arte ten a responsabilidade de incidir directamente na sociedade, unha responsabilidade social».

Destaca a importancia de facer chegar a obra aos estudantes que son, di, os protagonistas das súas obras e constitúen un público que queren atrae ao teatro.

A compaña ten xa outras citas no calendario con representacións da obra en Santiago, o día 25 en Pamplona, o 28 en Ourense e en maio teñen previsto actuar en San Sebastián despois de ser seleccionadas para o Festival de Teatro Joven de Donostia.