O proxecto Deixa Xogar nace para erradicar a violencia do deporte

La Voz

DEPORTES

Cedida

A iniciativa, presentada na Cidade dá Cutura, está impulsada pola Unión de Federacións Deportivas Galega

04 dic 2025 . Actualizado á 20:20 h.

A Unión de Federacións Deportivas Galegas, Ufedega, deu a coñecer na Cidade da Cultura o proxecto Deixa Xogar, unha iniciativa deseñada para axudar a erradicar a violencia no deporte. Está dirixida aos deportistas e adestradores, pero tamén ás familias e aos afeccionados.

Inclúe a elaboración dunha guía con información prolixa, datos, infografías e modelos para previr, detectar e actuar ante calquera manifestación violenta no ámbito do deporte de base.

Deixa Xogar conta co respaldo da Xunta. No acto estivo presente o conselleiro de Xustiza e Deportes, Diego Calvo. Na súa intervención resaltou que a miúdo se adoita identificar violencia con agresión física e que hai que ir máis aló deste enfoque reduccionista: «Hai outros tipos de violencia e temos que ser conscientes da súa existencia e de como erradicala. Violencia que se pode dar nas gradas, no trato que se pode exercer entre distintos xogadores, ou no público cos xogadores, ou dos adestradores cos xogadores e xogadoras».

A campaña Deixa Xogar prevé a entrega de material diverso a clubs e federacións, segundo explicou o propio conselleiro, que lles permitirá «facer unha autodiagnose da situación, comprobando se existen protocolos de actuación en todas as situacións que se poden dar».

En síntese, o obxectivo é que saiban identificar os distintos tipos de violencia e dispor das ferramentas necesarias para facerlles fronte.