Plenitude e liderado para o Eurobaxi Ferrol, que arroia ao Sosnowiec (92-49)
DEPORTES
As de Lino López, con 15 triplos anotados, pechan primeiras unha inmaculada fase de grupos
26 nov 2025 . Actualizado á 23:08 h.Europa. A salsa favorita dun Baxi Ferrol que pechou a fase de grupos da Eurocup Women con pleno de vitorias (6/6) tras imporse na Malata con total autoridade ao Zaglebie Sosnowiec polaco (92-49). Un triunfo que lles vale ás mosqueteiras de Lino López para pasar de fase como primeiras clasificadas e contar co factor cancha a favor nunha competición continental que segue sendo fetiche onde se acaba o mar.
Pyka, de tres, como recordatorio de que o liderado de grupo ía custar caro a un Baxi Ferrol, que atopou en Erjavec a réplica. Marabilla Joiner adiantou ás súas nun inicio a gran velocidade e ao segundo triplazo da de Míchigan State parou Piotr Marcin. Defendían ben as mosqueteiras, comandadas pola Dama de Hierro Karla Erjavec, e o torrente ofensivo polaco resentíase. Triplazo de Millán e nove de renda para as locais, que se viñeron aínda máis arriba con outra máis marca da casa de Sotolová. Cuns minutos de tregua para o cadro visitante por falta de acerto local consumiuse un primeiro cuarto de altura.
Iniciou Taylor con tres para a causa polaca e tocoulle a Sánchez-Ramos marcar territorio antes de que Sotolová penetrase na cociña do Sosnowiec e ruxise a bancada. Ovación memorable ao ingreso da guerreira irlandesa Claire Melia en pista para xogarse os cuartos con Reese e Ine Joris coroásese raíña do rebote defensivo entre triplo e triplo de Sotolová. Vinte arriba, o Baxi Ferrol gustándose e Burliga reaccionando desde a liña de tres. Sen piedade tocou corneta un Baxi Ferrol que marchou vinte e sete arriba ao descanso.
Que non decaia
Custou un pelín máis carburar ás mosqueteiras, que por mediación de Millán e Joiner —que pouco despois acadou a súa prime e marchou a descansar co aplausómetro en niveis máximos— tardaron pouco en superar a decena de triplos anotados.
Bo colchón, por amais da trintena, nunha impensable plácida noite de básquet en Ferrol e dez minutos por diante para relaxarse e gozar do espectáculo. Sen tensión. Sen conter o alento,
Cero posibilidade de sobresaltos e o cuarto definitivo en xogo, coas polacas encartadas xa ao encanto da Malata. Coreou a marea azul e rosa por enésima vez o nome de Sotolová ante un novo triplo da base checa. Posteó Joris, contaxiada do descaro das súas compañeiras, e non dubidou tampouco a belga en frear a Taylor cunha falta táctica. Galóns repartidos e un triunfo dos que fan equipo asomando no electrónico á falta de seis minutos para deixar o liderado do grupo K atado e ben atado.
Elena Rodríguez e Samson tamén reclamaron a súa porción do elaborado pastel, ao que lle puxo a guinda a canteirá Elena Baldonedo. Todas a unha e unha para todas. Un partido máis, unha tempada máis. A fame de conquista europea do Baxi Ferrol está fóra de toda dúbida e as mosqueteiras de Lino López pecharon, á calor da Malata, a fase de grupo con plenitude e liderado.
Ficha técnica:
BAXI FERROL: 92
Erjavec (8), Millán (6), Daniels (12), E. Rodríguez (6), Joiner (15) no quinteto inicial. Tamén xogaron: Sánchez-Ramos (10), Samson (5), Sotolová (21), Melia (4), Baldonedo e Joris (5).
ZAGLEBIE SOSNOWIEC : 49
Taylor (8), Tadic (2), Pyka (13), Reese (17), Burliga (9) no quinteto inicial. Tamén xogaron: Niedzwiedzka, Kuczynska, Jackowska e Kurach.
PARCIAIS AOS CUARTOS: 24-12 / 27-12 (51-24) /16-11 / 25-14
ÁRBITROS: Ali Sakaci (c. turco), Jules Gaduel (c. francés) e Skirmantas Letukas (c. danés). 17 persoais ás locais e 23 ás visitantes.