
O mozo de Dorneda liderou con autoridade o programa do campionato facéndose finalmente coa medalla de ouro
09 sep 2025 . Actualizado á 19:31 h.Lucas Yáñez proclamouse este luns como campión de Europa na categoría sénior da competición que se está desenvolvendo na localidade italiana de Trieste, onde a maiores atópanse participando outros tres deportistas do CPA Maxia.
Despois de brillar no programa curto do evento enfrontouse ao programa longo, no que partía con vantaxe con respecto aos seus competidores, xa que ao ser o primeiro clasificado na primeira proba, era o último en saír e, por tanto, facíao coñecendo as puntuacións dos seus rivais.
O de Dorneda conseguiu sumar 157,28 puntos, e dominar con man de ferro tamén o programa longo, sumando unha puntuación total de 239,9 puntos e levándose finalmente a medalla de ouro.
O mozo patinador engade un novo éxito ao seu palmarés, no que xa estaban a medalla de bronce conseguida hai un ano na Copa do Mundo que tamén se celebrara en Italia e á que acudiu para suplir a baixa por lesión dun compañeiro.