
O equipo branquiazul dominou claramente e en moi pouco espazo de tempo encarrilou o encontro de San Lázaro na primeira parte con dous goles de Zakaria
25 jul 2025 . Actualizado á 12:23 h.O Deportivo estreou a pretemporada (tras o partido a porta pechada co Famalicao) cunha cómoda vitoria sobre o Compos en San Lázaro (0-5), nun duelo benéfico que xa deixou resolto no primeiro acto con dous goles de Zakaria. No segundo tempo anotou tres máis, que levaron a firma de Bouldini, Rubén López e Herrera.
A primeira media hora non foi moi divertida. O Deportivo dominou e obrigou ao Compos a defender en bloque baixo. Os locais aguantaron con orde e disciplina ante un adversario que non apertou en exceso. O Compos resistiu, ata que a calidade do rival e a diferenza de categoría empezaron a causar os efectos agardados. Os de casa aguantaron pouco máis de trinta minutos.
Aos poucos segundos de comezar, o Deportivo xa tivo a súa primeira ocasión. Presionou ben a saída de balón do Compos, que tivo que meter as súas liñas moi atrás. Os locais trataron sempre de saír co esférico en curto, combinando con criterio, pero os visitantes roubaron rápido e con facilidade. A primeira contra do Compos foi moi aplaudida, aínda que o disparo foi tímido e ás mans do porteiro.
Pasado o primeiro cuarto de hora, Zakaria tivo unha boa ocasión ao rematar de cabeza un centro lateral que se foi fóra por moi pouco. Pouco despois, foi Yeremay quen xutou moi alto tras varios rexeites na área compostelanista, nunha boa acción ofensiva do Dépor.
Primeiro disparo a porta
O primeiro disparo a porta dos santiagueses foi de Diego Uzal, xa no minuto 27. O lanzamento foi moi desviado. Sen pisar o acelerador a fondo, o Dépor tivo maior posesión, pero o Compos defendeu sen grandes sustos, ben organizado e sen perder a compostura.
O guion ía transcorrendo sen tantos, ata que no minuto 33 Zakaria anotou o primeiro, nun erro claro da defensa local, que foi incapaz de frear unha contra perfecta dos visitantes que culminou o atacante deportivista. Pouco despois, repetiu e sentenciou. En apenas cinco minutos, o Deportivo resolveu o expediente, á falta de toda a segunda parte.
O terceiro
Nada máis arrincar o segundo acto, chegou o terceiro do Deportivo. Dous minutos tardaron os visitantes en incrementar a súa renda e meterlle o medo no corpo aos de casa. Bouldini, cun potente disparo á escuadra, resolveu con determinación.
No descanso, o Compos realizou cinco modificacións na súa formación, mentres que Antonio Hidalgo sacou a competir un equipo totalmente novo, con dez cambios. Só repetiu Samu.
Superada a hora do duelo, o Deportivo volveu marcar. Os defensores locais fallaron no despexe, non souberon saír correctamente da presión visitante, e Rubén López non perdoou. Converteu o cuarto.
Sen máis historia
O resto do encontro apenas tivo historia. Secho, o técnico local, empezou a mover o banco e deu entrada a un bo número de canteiráns. O Deportivo baixou a intensidade e non quixo facer máis dano na ferida local. Pero aínda tivo tempo para anotar un quinto tanto no suspiro final. Os múltiples cambios tampouco axudaron a que o xogo fose máis intenso.
FICHA TÉCNICA
Compostela, 0: Cobo (Graumann, min 46), Valín (Trasi, min 46), Aarón Martínez (Eloy Rivas, min 66), Mateo (Lucas Fariña, min 75), Damián (Remuiñán, min 66), Maceira (Goris, min 46), Carlos López (Iago Castro, min 70), Diego Rodríguez (Thiago, min 70), Cañi (Antón Guisande, min 46) (Jose Ángel Rey, min 75), Diego Uzal (Samu, min 46) e Porrúa (Lucas González, min 66).
Deportivo, 5: 1ª parte: Hugo Ríos, Petxa, Samu (Damián, min 70), Dani Barcia, Alloh, Patiño, Genreau, Luismi Cruz, Mario Soriano, Yeremay e Zakaria. 2ª parte: Eric Puerto, Guerreiro, Samu, Noubi, Escudero, Vilares, Rubén López, Mella, Kevin, Herrera e Bouldini.
Goles: 0-1, min 33: Zakaria; 0-2, min 38: Zakaria; 0-3, min 47: Bouldini; 0-4, min 64: Rubén López; 0-5, min 90: Herrera.
Árbitro: Gustavo Vidal Fonseca (galego).
Incidencias: Partido amigable de pretemporada a beneficio de Asanog Galicia. Disputado en San Lázaro, con 5.300 afeccionados nas bancadas.