Ana Eliza, o último bastión do Burela campión: «Sairemos adiante!»

DEPORTES

Sabela Blanco Rodríguez

A porteira brasileira renova movida pola súa «ilusión» e «responsabilidade»

18 jul 2025 . Actualizado á 20:06 h.

Na transición entre o mellor club feminino do mundo e o humilde bloque cheo de canteirás que ha de volver gañarse o respecto da Primeira Iberdrola, o CD Burela FS manterá un bastión das campioas dunha Copa da Raíña, unha Copa Galicia, unha Liga e unha Supercopa de España nas dúas últimas tempadas. Tras a desbandada xeral na sección feminina dun club con menores posibilidades económicas pola quebra de Peixes Rubén, Ana Eliza Ribeiro de Oliveira (Passa Quatro-Minas Gerais, Brasil, 2000) é a única futbolista que aceptou renovar o seu contrato. Previsiblemente, tamén o farán ningúns dos integrantes do corpo técnico para colaborar con Belén Feal e Jairo Campo.

«Estou moi ilusionada e para min é unha gran responsabilidade, xa que ata o de agora o equipo estaba composto por moitos nomes de referencia», detallou unha porteira decidida de devolver a confianza que o Burela depositou nela cando a contratou tras dous cursos a bo nivel na Primeira Iberdrola, pero con importantes penurias no Joventut d'Elx e o Sala Zaragoza. Tras unha breve cesión no Viaxes Amarelle, en xaneiro do 2024 instalouse no Vista Alegre coa difícil tarefa de facer esquecer a Jozi Oliveira.

«Co Burela FS aprendín moito e agora é o momento de dar un paso adiante. Creo que debía quedar para demostrar o meu compromiso e defender ao club, tanto nos bos momentos como nos non tan bos», destacou unha muller que participou en 17 partidos da última fase regular na liga, aínda que case sempre cun papel secundario respecto a Caridad García.

«É un momento de cambio, pero eu estou entusiasmada e vou estar a lume de biqueira e a dar o máximo de min. Vexo esta tempada como unha oportunidade para demostrar o que podo achegar ao equipo, tanto a nivel individual como colectivamente. Confío moito neste proxecto humilde, pero con aspiracións, que tamén servirá para que se vexa o bo traballo que se vén realizando na base do club. Sairemos adiante!», declarou Ana Eliza.

A brasileira, de 25 anos, está chamada a achegar experiencia nun bloque eminentemente local. Polo momento, confirmouse que promocionarán desde o filial Silvia Rubal, Cris Blanco, Irene Suárez, Sandra Pumares e a tamén gardameta Lola Muñoz, mentres que a focense Lara Díaz escala tras 36 goles co Valdetires na Segunda División 2024-25. Outras operacións están preto de pecharse.